Novas

  • ECVC denuncia o Acordo Comercial revisado entre a UE e Marrocos

    ECVC denuncia o Acordo Comercial revisado entre a UE e Marrocos

    • 16,Out 2025
    • Posted By : Sindicato Labrego
    • 0 Comments
    • ECVC
    • LA VIA CAMPESINA
    • MARROCOS
    • soberanía alimentaria
    • UE

    A Coordinadora Europea Vía Campesina (ECVC) -da que o Sindicato Labrego Galego fai parte- denuncia as medidas adoptadas pola Comisión Europea e Marrocos respecto ao acordo comercial UE-Marrocos, xa que tentan, custe o que custe, salvar os intereses dunha minoría de empresas transnacionais e investidores estranxeiros en detrimento do pobo saharauí e das persoas labregas marroquís e europeos.

    Ante a falta de transparencia nas negociacións e a firma do acordo, ECVC pide ao Parlamento Europeo que non se converta nun espectador impotente ante as accións do Consello Europeo e da Comisión Europea contra a democracia, a autodeterminación dos pobos e a soberanía alimentaria e que, polo tanto, non ratifique este acordo.

    Hai un ano, ECVC acollera con satisfacción a decisión do TJUE de anular os acordos comerciais entre a UE e Marrocos en materia de pesca e produtos agrícolas por incumprimento do dereito europeo, debido á evidente falta de consentimento do pobo Saharauí e a un sistema de etiquetaxe fraudulenta que oculta a orixe real das importacións masivas de froitas e hortalizas.

    A ECVC denunciou a competencia desleal á que se enfrontan as persoas produtoras da UE, citando, por exemplo, os salarios abusivos —a miúdo inferiores a 1 euro por hora— que se pagan a ás persoas traballadoras de invernadoiros e plantas de procesamento. Tamén destacou a fraude fiscal xeneralizado relacionada cos grandes volumes de importacións durante todo o ano que a miúdo eluden os controis aduaneiros. A cancelación dos tratados de pesca e agricultura tamén achandou o camiño para poñer fin á complicidade europea na lóxica colonial do sistema agrícola imposto por Marrocos ao Sahara Occidental.

    A Comisión Europea e Marrocos chegaron dende entón a un acordo –que xa foi ratificado polo Consello– polo que pretenden eludir a lei e repetir o acordo anterior con Marrocos adoptando un atallo legal para gañar tempo.

    Pretenden destinar fondos en forma de axuda humanitaria aos campamentos de refuxiados e á construción de infraestruturas no territorio ocupado, o que reforza aínda máis o modelo colonialista e agroexportador. Ademais, proponse a creación de dúas novas rexións de orixe, o «Gran Sur Marroquí» (inexistentes e ilegais), para eludir a normativa que esixe que os produtos do Sahara Occidental se etiqueten como tales e non como producidos en Marrocos.

    Ademais, é importante lembrar que as persoas labregas marroquís tamén son vítimas deste sistema, xa que os recursos acuíferos esgótanse e as persoas labregas vense obrigadas a abandonar as súas terras ou cedelas a empresas transnacionais exportadoras, poñendo así en perigo a súa soberanía alimentaria.

    Por tanto, ECVC denuncia este acordo asinado, que viola unha vez máis o consentimento libre e xenuíno do pobo Saharauí, esixido polo TJUE en nome do seu dereito á autodeterminación. Este consentimento non pode obterse sen a participación directa do pobo saharauí nas negociacións a través da voz da Fronte Polisario, unha condición esencial que o acordo celebrado en 2019 xa incumpría. Así mesmo, a etiquetaxe proposta segue sendo enganoso para as persoas consumidoras e non cumpre ningún dos requisitos do tribunal en materia de transparencia e claridade.

    Xa é hora de que a Unión Europea defenda os intereses das súas cidadáns e labregas, respectando os dereitos dos pobos do mundo, en lugar de promover un modelo comercial neoliberal obsoleto e destrutivo. Convidamos á Comisión para asumir a proposta dun novo marco comercial internacional baseado na solidariedade e a soberanía alimentaria, proposta polo movemento campesiño mundial La Vía Campesina.