
25/03/2025
Sindicato Labrego Galego, Plataforma Veciñal Mina Touro-O Pino Non e Ecoloxistas en Acción Galiza, opóñense á reapertura da mina de Doade
Denunciamos a anteposición do lucro de empresas do sector enerxético, tecnolóxico e armamentístico en detrimento do respecto aos dereitos humanos e sociais. Alertamos da falta de transparencia durante o proceso de avaliación e esiximos unhas políticas públicas que reforcen as estratexias de recuperación e coidado medioambiental imprescindíbeis para reverter o quecemento global
Ecoloxistas en Acción Galiza, a Plataforma Mina Touro-O Pino NON e o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas manifestan a súa oposición á inclusión da mina de Doade (parroquia de Xirazga en Beariz, Ourense) na lista de “proxectos estratéxicos” da Comisión Europea -Regulamento de Materias Primas Fundamentais- para a extracción de minerais destinados a industrias do sector enerxético, tecnolóxico e armamentístico.
Sumámonos deste xeito ás voces de colectivos medioambientais e plataformas veciñais que alertan dos desproporcionados impactos que tería a reapertura destas instalacións de extracción de litio, ao tempo que subscribimos a denuncia de escurantismo e falta de transparencia que arrodean esta decisión.
Facemos fincapé, asemade, na alerta dunha nova tentativa de priorizar o lucro económico de empresas extractivas, enerxéticas e tecnolóxicas por riba dos dereitos humanos e sociais, constituíndo ademais unha proposta con importantes prexuízos medioambientais que van no sentido oposto ás medidas de recuperación e conservación da natureza que esixe o desafío do cambio climático.
De feito, atendendo ás características deste xacemento, xa no ano 2014 o Instituto Geológico y Minero de España advertiu nun dos seus informes da posibilidade de formación de augas ácidas de mina, e da propia documentación presentada no marco do proxecto Alberta-1 pola empresa solicitante nese momento despréndese que minerais radiactivos como o cesio ou o rubidio serían extraídos, machacados, depositados en escombreiras ao aire libre e suxeitos a disolución, bombeo e inxección a cauces superficiais e contaminación de acuíferos, todo iso a menos de 1 km de dous núcleos de poboación.
A tramitación desta explotación mineira como proxecto estratéxico permitiría á empresa Recursos Minerales de Galicia, do Grupo Samca -un conglomerado con intereses na minería e enerxías renovables-, beneficiarse por exemplo do aceleramento da tramitación, para o que se acurtarían os prazos de exposición pública nos cales a veciñanza afectada podería consultar e alegar á reapertura da mina. Tamén lle permitiría a Recursos Minerales de Galicia beneficiarse da expropiación forzosa das terras acaparadas polo proxecto, incluídas 13,62 hectáreas nos montes de Doade-Beariz, propiedade da Comunidade de Montes Veciñal en Man Común Lama, Cega e Bisticobo.
Dende a Ecoloxistas en Acción Galiza, a Plataforma Mina Touro-O Pino Non e Sindicato Labrego Galego reiteramos que ao igual que a sociedade organizada foi quen de parar outros proxectos, tamén nesta ocasión imos estar a carón da veciñanza do Suído, así como dos irmáns e irmás portuguesas, para parar este novo abuso do capital que atenta directamente contra as nosas vidas e as das xeracións vindeiras.