Delegación LVC Palestina

26/12/2024

Dora Cabaleiro, integrante da Executiva do SLG, participou nunha delegación de La Vía Campesina en Palestina

 A delegación percorreu rexións clave, como Nablús, o val do Jordán, Ramala, Belén e Hebrón, e reuniuse con agricultores e agricultoras palestinas, gobernadoras e representantes de organizacións da sociedade civil. A hospitalidade e o espírito inquebrantables do pobo palestino deixaron unha profunda impresión na delegación. A súa resistencia, xenerosidade e firme compromiso coa xustiza encarnan a forza necesaria para superar décadas de opresión

Do 8 ao 18 de decembro de 2024, unha delegación de La Vía Campesina (LVC), da que o Sindicato Labrego Galego – Comisións Labregas (SLG-CCLL) fai parte, viaxou a Palestina por invitación da Unión de Comités de Traballo Agrícola (UAWC), organización membro de LVC. Esta visita tiña como obxectivos transmitir solidariedade ao pobo palestino no medio do xenocidio en curso en Gaza e o desprazamento sistemático en Cisjordania e documentar de primeira man a intensificación da ocupación israelí e as políticas de apartheid.

A delegación observou acontecementos alarmantes, como a confiscación de máis de 50.000 dunams de terra palestina dende o 7 de outubro de 2023 e a erección de case 900 puntos de control que restrinxen a circulación por Cisjordania. Estas medidas illaron ás cidades e pobos palestinos, convertendo a vida cotiá nunha loita pola supervivencia no medio de asentamentos e os controis militares en expansión.

Durante a visita de 10 días, a delegación percorreu rexións clave, como Nablús, o val do Jordán, Ramala, Belén e Hebrón, e reuniuse con agricultores e agricultoras palestinas, gobernadoras e representantes de organizacións da sociedade civil, como cooperativas de mulleres, grupos xuvenís e defensoras dos dereitos humanos. As reunións revelaron unha realidade desoladora: as políticas sistemáticas de demolición de vivendas, confiscación de terras e restricións ao acceso á auga desbastaron os medios de subsistencia das labregas e labregos e as comunidades rurais palestinas.

A delegación tamén foi testemuña da violencia cotiá das e dos colonos, protexidas e apoiadas polo exército israelí. As labregas e os labregos relataron historias de ataques, destrución de colleitas e roubo de produtos agrícolas, o que pon de manifesto un esforzo deliberado por desprazar ás palestinas e palestinos e desposuílas/os dos seus medios de subsistencia. Estas testemuñas subliñaron a urxente necesidade dunha intervención internacional para poñer fin a estes crimes contra a humanidade.

A agricultura palestina, profundamente ligada ao seu patrimonio, enfróntase ás ameazas da ocupación que pon en risco a súa existencia. A delegación foi testemuña da resistencia dos labregos e das labregas palestinas e da súa firme determinación de permanecer nas súas terras a pesar de décadas de desprazamento e violencia. Especialmente dignos de mención son os esforzos da UAWC no val do Jordán, fonte dos alimentos en Palestina, por apoiar ao campesiñado mediante a recuperación de terras, bancos de sementes e programas de formación. Estas iniciativas pretenden preservar a soberanía alimentaria palestina e cuestionar os cimentos do proxecto colonial israelí.

Chamamento á acción mundial

La Vía Campesina condena o papel cómplice dos gobernos occidentais ao permitir estas atrocidades mediante o silencio e os acordos comerciais con Israel. A delegación fai un chamamento ao boicot inmediato dos produtos agrícolas procedentes dos asentamentos ilegais israelís e ao rexeitamento de calquera acordo que apoie a ocupación. Os gobernos e as persoas defensoras dos dereitos humanos deben actuar con decisión para esixir responsabilidades a Israel e solidarizarse co campesiñado e as comunidades palestinas.

A hospitalidade e o espírito inquebrantables do pobo palestino deixaron unha profunda impresión na delegación. A súa resistencia, xenerosidade e firme compromiso coa xustiza encarnan a forza necesaria para superar décadas de opresión.

La Vía Campesina reafirma o seu compromiso coa causa palestina e continuará amplificando as voces de quen está en primeira liña. O regreso da delegación marca o comezo de renovadas iniciativas de solidariedade, con plans para compartir testemuños e desenvolver estratexias de apoio ao campesiñado palestino e á súa loita pola liberdade e a dignidade.

Viva Palestina e viva o campesiñado palestino!

La Vía Campesina

É un movemento mundial que une a persoas labregas, agricultoras e traballadoras agrícolas na súa loita pola soberanía alimentaria, a xustiza social e os dereitos rurais. Fundado en 1993, o movemento solidarizouse coas comunidades oprimidas de todo o mundo, incluído o pobo palestino. La Vía Campesina, que representa a 180 organizacións e a uns 200 millóns de labregas e labregos en todo o mundo -da que facemos parte no Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas-, segue sendo unha firme defensora da xustiza, a dignidade e o uso equitativo dos recursos.