
06/05/2025
Detectadas irregularidades alimentarias no servizo Xantar na Casa. Solicitamos convocatoria urxente do Consello Galego de Benestar Social
Masas pastosas, comida augada, alimentos crús, aditivos... Elaborados a 150km de distancia e repartidos a anciáns/ás unha vez á semana. Problemas dixestivos e carencias nutricionais, entre os impactos directos na saúde que denuncian usuarias e familiares
Nos últimos meses vimos recibindo nos locais do Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) reiteradas queixas de persoas usuarias e familiares do servizo Xantar na Casa, dependente da Consellería de Política social, e que presta alimentación e seguimento persoal a persoas maiores e dependentes en situación de exclusión social.
Tamén precisamente nestes últimos días coñeciamos a denuncia das persoas usuarias da vivenda comunitaria da Pontenova e de familiares e usuarias da Residencia de Maiores de Ortigueira sobre a mala calidade dos alimentos que reciben, situación fronte á cal chegaron a convocar unha concentración o pasado sábado 26 de abril, que contou coa participación da Secretaria Xeral do SLG, Isabel Vilalba.
Ámbalas dúas situacións denunciadas referíanse á empresa de catering COESCO DEZA S.L.U. de Silleda, e cónstanos que non se trata dun caso illado, senón que hai queixas moi graves que alertan da ínfima calidade dos alimentos que lles chegan ás persoas usuarias. Así, denuncian alimentos augados, crus, masas pastosas de alimentos, ingredientes desaconsellados para determinadas usuarias ou desaxustados dende o punto de vista nutricional.
Ademais, tanto desde o punto de vista nutricional como de seguridade, os alimentos requentados non son aconsellables, menos para persoas maiores en moitos casos con problemas de saúde importantes. As persoas maiores usuarias quéixanse de diarreas e de problemas intestinais habituais, así como do feito de que ao resultar intragables, moitas veces devólvense as bandexas cheas de comida, o que supón déficits nutricionais moi importantes.
Hai problemas tamén, entre outros aspectos, cos aditivos, os cales non serian necesarios se o reparto fose diario e elaborados nun radio de distancia curto.
Dende o Sindicato Labrego Galego cualificamos de totalmente intolerable que se estea a obrigar a estas persoas maiores a consumir alimentos de mala calidade que veñen cada sete días dende máis de 150 km de distancia, máis se cabe cando en moitos casos as vivendas comunitarias, centros de día ou residencias teñen cociñas propias que non se usan, e que nalgúns casos poderían ser empregadas, ademais de para elaborar os menús dos propios residentes, para preparar os pratos das persoas usuarias que permanecen nos seus fogares nestas comarcas e achegarllos con repartos diarios.
Ante a gravidade desta situación, a vogal do Sindicato Labrego Galego no Consello Galego de Benestar Social, Margarida Prieto Ledo, dirixiuse no día de hoxe a este órgano de participación para solicitar a convocatoria con carácter de urxencia dunha reunión presencial do CGBS para tratar esta problemática.
Ademais, solicitamos tamén que se nos proporcione por escrito información das denuncias que lle constan á Consellaría, así como das actuacións que se teñan efectuado ao respecto -de ser o caso-, información detallada de como é o control da calidade das materias primas e que organismo ou entidade independente está a realizar os informes de seguimento deste servizo.
Igualmente queremos coñecer se hai aberta algunha investigación, inspección ou expedinte á citada empresa adxudicataria, COESCO DEZA S.L.U., e que se rescindan ou non se renoven os contratos a esta empresa e similares. Tamén demandamos que se aprobe a compra pública de alimentos frescos a produtoras locais para abastecer aos comedores, e que se vaian poñendo a funcionar os servizos de cociña nos propios centros, ou no caso de ser necesario servizo de catering, que este sexa contratado na localidade ou comarca con servizo diario.