O SLG participa nunha reunión mantida coa Dirección Xeral de Gandaría para falar da crise sanitaria da Dermatose Nodular Contaxiosa.
Consideramos que as medidas seguen a ser insuficientes e non van evitar a entrada da enfermidade no noso territorio.
Santiago de Compostela, 27 de outubro de 2025. Hoxe, o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) participou na primeira xuntanza á que fomos convocadas por parte da Consellería do Medio Rural para falar da Dermatose Nodular Contaxiosa. Segundo explicou a administración, na mesma reunión estaban convocadas arredor de 200 organizacións, entre organizacións agrarias, ADS e cooperativas.
Durante o encontro, a Consellería presentou información sobre a enfermidade a través dunha exposición técnica e limitouse a asegurar que todo se fixera correctamente, sinalando que, se as persoas gandeiras non están informadas, é “porque non queren”, xa que se enviou un correo electrónico con información ás granxas que dispoñen de dirección rexistrada, mentres que o resto deben acceder á OVGAN (Oficina Virtual do Gando) e actualizar os seus datos para poder recibir comunicacións.
Desde o SLG lamentamos profundamente este enfoque que culpabiliza ás persoas gandeiras. Ademais, consideramos que esta convocatoria, a día 27 de outubro, chega tarde.
Desde o SLG lamentamos profundamente este enfoque que culpabiliza ás persoas gandeiras. Ademais, consideramos que esta convocatoria, a día 27 de outubro, chega tarde, dado que a enfermidade leva semanas xerando preocupación. Por outra banda, a información ten que ser constante, precisa e transparente por parte da Consellería, e non pode limitarse a reenviar o que publica o Ministerio de Agricultura. Non é admisible que nos teñamos que informar a través das reunións do propio Ministerio ou das organizacións agrarias doutras comunidades autónomas do que está a acontecer.
Trátase dunha enfermidade nova para boa parte de Europa, e existen moitas dúbidas mesmo entre o persoal veterinario, incluíndo a posibilidade de que se modifique a normativa para permitir a vacinación preventiva. A obriga da administración, especialmente nestes casos, é proporcionar información clara e rigorosa, e non deixar que circulen datos confusos que xeran máis incerteza entre as gandeiras e gandeiros.
Desde Sindicato Labrego Galego reiteramos a petición de que, mentres dure este período de risco sanitario, se prohiba a entrada de animais de fóra de Galiza, como medida preventiva esencial para protexer o gando galego e evitar a chegada do virus ao país.
Manifestamos ademais a nosa preocupación polo protocolo establecido, que contempla o sacrificio de todos os animais se non se alcanza unha cobertura de vacinación do 90% das granxas e do 75% do censo de animais nun radio de 50 km arredor dun foco. A esta situación súmase que as vacinas aínda non están chegando ás granxas, o que deixa o sector totalmente desprotexido.
Desde o Sindicato Labrego Galego reclamamos a creación urxente dun grupo de crise con capacidade de resposta inmediata
A isto se lle suma a alerta por outras cuestións, como por exemplo a celebración de certames gandeiros sen medidas de protección, como a Poxa Estatal de Gando celebrada recentemente en Madrid, da que poderían saír animais con destino a Galiza; a falta de control efectivo dos transportes de gando que chegan, mesmo desde zonas restrinxidas e de distintas especies, a matadoiros galegos ou a contía insuficiente das indemnizacións actuais, que en caso de sacrificio non permiten nin sequera a reposición dos animais nin garanten a supervivencia das granxas afectadas.
Desde o Sindicato Labrego Galego reclamamos a creación urxente dun grupo de crise con capacidade de resposta inmediata, no que participen a administración, as organizacións profesionais agrarias e o persoal veterinario. Este grupo debe garantir axilidade, coordinación e comunicación directa co sector, para evitar improvisacións e prexuízos innecesarios ás producións galegas.
O noso sector necesita información certa, vacinas dispoñibles e medidas proporcionadas, non mensaxes autocompracentes nin culpabilizacións entre administracións. A prevención é necesaria, pero non pode facerse a costa das labregas e labregos que manteñen vivo o noso rural.