Novas

  • Violencia institucional en Pontenova: as persoas usuarias sofren represalias por denunciar a mala calidade alimentaria

    Violencia institucional en Pontenova: as persoas usuarias sofren represalias por denunciar a mala calidade alimentaria

    • 05,Dec 2025
    • Posted By : Sindicato Labrego
    • 0 Comments
    • persoas maiores
    • pontenova
    • presións
    • represalias
    • violencia institucional
    • vivenda comunitaria Pontenova
    • xunta de galicia
    • As persoas usuarias da vivenda comunitaria de Pontenova denuncian dende hai meses a mala calidade da alimentación que se lles proporciona.

    • A raíz destas queixas, estanse a producir situacións de violencia cara ás persoas máis visibles destas reivindicacións.

    Galiza, 5 de decembro de 2025. Os usuarios e usuarias da vivenda comunitaria de Pontenova levan meses denunciando, xunto con outros afectados e afectadas da Residencia de Ortigueira e persoas usuarias de Xantar na Casa, a mala calidade da alimentación que lles proporcionan nesta vivenda.

    Presións e represalias ás persoas denunciantes

    A raíz destas queixas, estanse a producir situacións de violencia cara ás persoas máis visibles destas reivindicacións, con presións, represalias e provocacións contra quen se atreve a facer públicas as súas demandas. Chegouse mesmo a abrir un expediente a un usuario ao que se lle acusou de ameazar ao resto das persoas da vivenda, sen que se puideran acreditar tales ameazas. Dende o mes de agosto, solicitouse á Xunta de Galicia copia das actuacións incluídas no expediente sen obter resposta, o que obrigou á persoa afectada a presentar unha queixa ante a Valedora do Pobo.

    A partir dese momento, as persoas usuarias comezaron a sufrir un aumento das presións e denuncian un maltrato continuado por parte da dirección da vivenda. Varias tiveron que recibir asistencia médica por crises de ansiedade no PAC de Meira, e algunhas foron derivadas ao HULA. As denuncias presentadas por usuarias non son atendidas ou se resolven escoitando unicamente ás persoas denunciadas, sen dar audiencia ás denunciantes nin ás testemuñas.

    Esta situación de violencia institucional agravouse nas últimas semanas. A Xunta abriu un novo expediente a outro usuario e ordenou o seu traslado a outra vivenda, a máis de 197 km de distancia, nunha medida cautelar adoptada sen previo aviso. O documento inclúe acusacións graves, como que persoas plenamente capaces estarían sendo manipuladas e non saberían o que asinan ao denunciar o maltrato. Dende o Sindicato Labrego Galego entendemos que este traslado ten un claro carácter punitivo, buscando castigar as queixas pola mala calidade da comida e o trato recibido, ao tempo que se separa un grupo de persoas maiores que se apoian mutuamente tanto emocionalmente coma nas súas necesidades básicas.

    Acusacións moi graves sen fundamento

    O expediente baséase en acusacións sen fundamento sólido e que parecen ter a intención de atemorizar ás persoas usuarias, para que desistan de presentar queixas ou expresar o seu malestar pola situación que están vivindo.

    Dende o Sindicato Labrego Galego consideramos esta situación especialmente grave ao tratarse de persoas maiores con discapacidade e en situación de especial vulnerabilidade pola súa saúde. É responsabilidade da Xunta de Galicia velar polo seu benestar, asegurar que se garante os seus dereitos a un trato digno, alimentación adecuada, a que sexan escoitados e respectados. Pola contra, a inacción administrativa converte á institución en cómplice dunha situación que non pode permitirse como sociedade e que ademais, de confirmarse, podería ter relevancia xudicial.

    Dende o SLG parécenos de especial gravidade que se estean a vulnerar dereitos fundamentais das persoas maiores mentres se mira cara a outro lado. Mostramos todo o noso apoio ás usuarias da Vivenda Comunitaria da Pontenova e ás súas familias, e reclamamos acción inmediata para rematar con estas prácticas e restaurar a confianza e dignidade das persoas afectadas.