Novas

  • Denunciamos unha forte baixada nos prezos do vacún da carne e solicitámoslle ás administracións a activación de medidas que protexan ás granxas

    Denunciamos unha forte baixada nos prezos do vacún da carne e solicitámoslle ás administracións a activación de medidas que protexan ás granxas

    • 02,Xuñ 2026
    • Posted By : Sindicato Labrego
    • 0 Comments
    • IXP
    • prezos baixos
    • sindicato labrego galego
    • vacún de carne

     

    • As gandeiras afiliadas ao SLG-CCLL levan semanas constatando como non deixa de baixar o prezo que se lle paga polos seus tenreiros, nunha baixada que pode de novo levar a unha situación extrema ao sector.

    • A mensaxe da industria e distribución galega que pide a inclusión do azul belga dentro da IXP Vaca e Boi de Galicia bate de maneira frontal coa realidade que viven as granxas galegas e as amparadas dentro da categoría Tenreira Suprema dentro da IXP, que levan semanas vendo como baixan os seus prezos coa escusa de que sobra carne.

    • Dende o SLG pedimos a actuación inmediata da Xunta de Galicia e do goberno do Estado español ante esta situación e a activación de medidas que protexan as granxas antes de que sexa demasiado tarde. Solicitámoslle con carácter inmediato á Consellería do Medio Rural a convocatoria da mesa do sector con todos os axentes que operamos en Galiza.

    Galiza, 2 de xuño de 2026. Dende o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) levamos semanas constatando como o prezo que perciben as granxas de carne non deixa de baixar. Ademais, en moitas zonas, xa hai problemas para darlle saída aos tenreiros das granxas cara aos matadoiros.

    As fortes baixadas do prezo

    Dende hai unhas semanas, asistimos a fortes baixadas do prezo que perciben as persoas produtoras polos seus tenreiros, situándose xa por debaixo dos 8€/quilo canal na maioría dos casos. Unha situación que, lonxe de remitir, parece que pode ir incrementándose e continuar coa caída dos prezos na vindeiras semanas.

    No Sindicato Labrego Galego estamos alarmadas ante esta situación. Levamos meses denunciando que o contexto de prezos alto que vivía o sector era algo conxuntural, froito da oferta e da demanda, e non estrutural, e demandamos ás administración -como a Xunta de Galicia e o goberno do Estado español e outros axentes do sector, sentar as bases dunha cadea onde se garantiran prezos estábeis por riba dos custos de produción a todos os elos da cadea.

    A nova realidade do sector: un camiño cara a tempos pasados

    Todo semella a que nos últimos meses mudou a realidade do mercado. Aínda que os índices indican que, habendo unha boa regulación e control sobre a cadea, podíanse manter os prezos en orixe. Pero ao que estamos asistindo é a unha forte baixada dos prezos en orixe o que xera xa moito desánimo no sector, que ve como irremediabelmente se camiña cara a tempos pasados onde se producía a perdas.

    Medidas concretas e cumprimento da Lei

    Na nosa organización lamentamos profundamente que estes últimos tempos de tranquilidade relativa no sector en canto a prezos non se utilizasen para sentar as bases co obxectivo de establecer uns custos de produción e fixar estes como algo vinculantes para o prezo que se percibe nas granxas. Nese senso, dende o SLG levamos tempo demandando que se aproveitara o escenario para fixar cales eran os custos de produción e que estes foses vinculantes, é dicir, nos últimos meses día tras día demandamos á Xunta de Galicia, ao Estado Español e aos actores como a IXP que desenvolveran estas ferramentas, previndo que poderiamos volver a esta situación de baixada de prezos.

    En canto aos custos de produción, nos últimos datos publicados en 2022 pola Xunta de Galicia nun estudo realizado pola Fundación Juana de Vega -que se fixaban con datos anteriores á guerra de Ucraína en 6,30€/quilo-. Neste estudo os custos xa daban un euro por riba do que se pagaba polo produto naquel entón, e non se profundou máis no tema, a pesares das promesas feitas. Dende aquela os custos de produción non deixaron de subir, aínda máis nos últimos meses coa crise de Oriente Medio, onde o gasóleo duplicou o seu prezo e outros insumos como os fertilizantes tamén subiron.

    Pedimos a convocatoria da mesa do sector

    Dende o SLG, ante esta situación, pedímoslle con carácter inmediato á Consellería do Medio Rural a convocatoria da mesa do sector con todos os axentes que operamos en Galiza e que nesta se fixen cales son os custos de produción e se vixíe que non exista competencia desleal nin pactos para baixar os prezos en ningún elo da cadea. No caso de non activarse medidas de maneira inmediata, moitas granxas testemuñarán perdas en poucas semanas. Somos conscientes de que o mercado sofre certo estancamento por varias razón, entre elas que non está a saír gando para fóra, e que o consumo se resentiu nos últimos meses por mor da Crise en Oriente Medio, pero non xustifica a baixada tan forte que está a acontecer. Ademais, cómpre destacar que cando máis subiu o prezo da carne no conxunto do Estado español, aquí a suba foi máis gradual, polo tanto, e de sentido común que agora a industria e a distribución termen dos prezos como pedían cando non deixan de subir e había escaseza de gando.

    Mensaxes contraditorias dentro da IXP Vaca e Boi de Galicia

    Nos últimos meses a industria e a distribución que forman parte do Consello Regular e da Mesa de Prezos piden constantemente unha baixada de prezos afirmando que sobra gando. Con todo, a situación xeral e a medio prazo na IXP indica que non sobran cabezas, e aínda máis nun contexto de peche de granxas nos vindeiros anos. Se non termamos dos prezos en orixe, quen vai querer coller o relevo nunha granxa se se ve obrigada a vender a perdas porque ninguén fai cumprir a Lei da Cadea?

    O que estamos vendo é que a mesma industria e distribución que pide esta baixada unilateralmente os prezos da tenreira galega suprema, escusándose en que sobra carne, quéixase de que non lle chega a tenreira galega normal e loita por incluír dentro da marca razas como o azul belga e outras.

    Non imos vender as granxas do noso país!”

    Dende a nosa organización isto é un sen sentido e unha clara mensaxe do que quere a industria e distribución amparada dentro da IXP. “Con esta mensaxe o que nos pretenden dicir é que lles sobra a tenreira galega suprema, que lles cobra a carne que se produce nas granxas tradicionais e nas que vertebran o territorio e o que queren e van defender á a carne de cebadoiro, e aí é onde non lles chegan as cabezas que hai e por iso a insistencia en incluír estas novas razas e en non defender a carne producida nas granxas de tenreira galega suprema”, denuncia o vogal do Sindicato Labrego Galego na IXP, o gandeiro Samuel Formoso.

    No SLG-CCLL non estamos dispostas a permitir que sigan desaparecendo as granxas tradicionais de tenreira galega suprema. “Se hai IXP Vaca e Boi de Galicia é grazas á carne que se produce nas granxas tradicionais e se vende por Suprema, non imos permitir que nos usen como imaxe para logo vender a súa carne criada incluso con razas que nada teñen que ver co noso territorio”, recoñece a Responsábel do Sector da Carne do SLG, a gandeira María Osorio.

    Por último dende o SLG, mandamos unha mensaxe á industria e á distribución: “Se de verdade falta carne, a mensaxe non pode ser baixar os prezos en Suprema e chorar por ter máis carne en tenreira galega normal, se queren máis carne nesta última, non pode ser a costa de afundirnos na miseria ás máis de 7500 granxas que formamos parte da Tenreira Galea Suprema, polo tanto, se queren falar, como parece que queren facer, primeiro teñen que mudar as súas intencións e mentres continúen as baixadas de tenreira galega suprema, o SLG non se vai sentar a falar con ninguén. Non imos vender as granxas do noso país para que catro operadores enchan as súas contas”, conclúe o Secretario de Acción Sindical do SLG, Brais Álvarez.