Novas

  • Denunciamos que Reny Picot incumpriu a legalidade na renovación dos contratos do leite, o seu abandono cara ás granxas galegas pode supoñer o peche de proxectos

    Denunciamos que Reny Picot incumpriu a legalidade na renovación dos contratos do leite, o seu abandono cara ás granxas galegas pode supoñer o peche de proxectos

    • 21,Abr 2026
    • Posted By : Sindicato Labrego
    • 0 Comments
    • Renovación de contratos do leite
    • reny picot
    • Sector Lácteo
    • sindicato labrego galego

    • A empresa Reny Picot incumpriu tanto a Lei da Cadea Alimentaria como o Real Decreto 95/2019, de 1 de marzo, polo que se establecen as condicións de contratación no sector lácteo.

    • Polo menos dúas granxas seguen agardando a que alguén lles vaia a recoller o leite. Esta situación é unha mostra da indefensión das persoas produtoras diante da industria.

    • As administracións miran para outro lado. Este dobre abandono -tanto por parte da industria como da administración ante a súa falta de actuación-, supuxo perdas de miles de euros nas granxas afectas, que pode rematar nalgúns casos co peche do proxecto.

    Galiza, 21 de abril de 2026. A día de hoxe en Galiza continúa habendo casos de granxas que, por non asinar os contratos abusivos das empresas, seguen á agarda de que alguén lles recolla o leite. Xa van vinte e un días tirándoo. Esta mañá soubemos que unha das granxas ás que Reny Picot abandonou, atopou, ao fin, unha solución. Outra empresará irá a recollerlles. Con todo, polo menos dúas granxas máis proseguen sen recollida, con toda a perda económica que está a supoñer.

    Dende o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) denunciamos que esta situación que están a vivir as gandeiras e os gandeiros é unha mostra da indefensión que temos as persoas produtoras diante da industria. Como levamos advertindo dende que se comezou a falar das baixadas dos prezos do leite, acusamos o comportamento de Reny Picot, que incumpriu tanto a Lei da Cadea Alimentaria como o Real Decreto 95/2019, de 1 de marzo, polo que se establecen as condicións de contratación no sector lácteo. En concreto, Reny Picot incumpriu a obrigatoriedade de previsar con dous meses ás granxas da finalización da recollida. Avisar, no mellor dos casos cunha marxe de cinco días, é unha situación moi grave que vulnera os dereitos das persoas gandeiras, ignorando as normas da lexislación vixente.

    Na nosa organización, puxemos en coñecemento de todo isto a todas as administración, tanto á Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia, ao Ministerio de Agricultura e á Axencia de Información e Control Alimentarios (AICA). E hai xusto unha semana solicitabamos nun comunicado actuacións inmediatas por parte das administración ante a renovación dos contratos do leite, resaltando que o sector non pode agardar máis. Nada mudou nesta semana. Seguen mirando para outro lado como se o tema non fose con eles, demostrando a nula vontade de solucionar o problema, mentres se están incumprindo as leis, non se respecta os dereitos das persoas labregas e moitas granxas están nunha situación crítica. Este dobre abandono -tanto por parte da industria como da administración ante a súa falta de actuación-, supuxo perdas de miles de euros nas granxas afectas, que pode rematar nalgúns casos co peche do proxecto. Reny Picot, a empresa que as abandonou e incumpriu a lei, é a principal responsábel e debe pagar polos seus feitos.

    Pola nosa banda, dende o SLG seguiremos loitando polas granxas galegas na Axencia de Información e Control Alimentarios (AICA) e ás portas das administracións para que reaccionen dunha vez por todas e tomen as medidas necesarias.

    ESTÁ A PASAR: O SECTOR LÁCTEO NON PODE AGARDAR MÁIS.