A Consellería convocou onte, 1 de outubro, unha reunión de traballo para avaliar a situación dos distintos sectores produtivos ante a crise de custos e prezos sen contar co Sindicato Labrego Galego.
Levamos meses demandándolle á Consellería do Medio Rural que sente o sector e que se poña a traballar para garantir o noso futuro. Agora, convoca un grupo de traballo ás costas dunha parte do sector.
Galiza, 2 de outubro de 2026. Dende o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) levamos meses pedindo solucións ante a crise sistémica que estamos a atravesar e que pon en risco a produción de alimentos no noso país e as nosas granxas. Levamos meses demandándolle á Consellería do Medio Rural que sente o sector e que se poña a traballar para garantir o noso futuro. Levamos meses demandando cambios estruturais que permitan adaptarnos á nova realidade (suba dos custos de produción, cambio climático, enfermidades, crise en DOs, vespa velutina…). Levamos meses chamando á creación dun gran pacto social e do sector para estas cuestións e non deixar a ninguén atrás.
En todas estas ocasións, ao chamar á porta da CMR e dalgunha outra organización que di representar o sector, o único que atopamos foi o silencio e o desprezo cara ao conxunto do sector.
Agora temos que saber por redes sociais que van sentar o sector e convocar un grupo de traballo. Para que? Prometen unhas axudas de 3,9 millóns de euros que na realidade é unha migalla, só fai falta dividir esa cantidade entre as 21000 PAC se tramitan en Galiza e vemos que se están rindo mentres pactan unha axuda que vai supor 180€ por granxa, acaso estanse rindo de todas nós? A cifra é claramente insuficiente e non vai enfocada a iniciar unha transición cara a modelos máis resilientes e orientada a unha adaptación á nova realidade.
A imaxe da xuntanza de onte é o desprezo máximo aos procesos democráticos. Levamos anos pedindo que a interlocución se dea no Consello Agrario non nos corredores da CMR como se ve na foto. É o exemplo perfecto de como se vende o sector, mentres uns enchen o bandullo outras imos cara ao peche e o abandono das nosas granxas. Nesta ocasión mexan por nós pero non imos dicir que chove!