Pedíuselle á Axencia de Información e Control Alimentarios (AICA) que aumente as inspeccións de oficio ante prácticas que vulneran a Lei da Cadea Alimentaria. Na xuntanza, púxose o foco no caso galego.
Durante a reunión de mañá co Ministerio de Agricultura, solicitaremos un posicionamento claro do Goberno para evitar o peche de máis granxas ante a baixada unilateral dos prezos do leite imposto pola industria.
Cada día que unha granxa tira o leite está a perder entre 1.200 e 1.800 euros, máis de 40.000 euros ao mes.
Galiza, 7 de abril de 2026. Esta mañá a gandeira e integrante da Executiva Nacional do Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL), Isabel Vilalba Seivane, reuniuse coa Axencia de Información e Control Alimentarios (AICA) para denunciar o que está a suceder co leite en Galiza. A gandeira estivo acompañada por unha delegación da Coordinadora de Organizaciones de Agricultores y Ganaderos (COAG). Presentouse á AICA información de primeira man sobre situacións e casos concretos nos que se produciron abusos, obrigando ás gandeiras e aos gandeiros a asinar contratos que van en contra do fixado na Lei da Cadea. Mentres os custos están a crecer de xeito notábel, como consecuencia da guerra provocada por EEUU e Israel no Golfo Pérsico, a industria impón baixadas de prezos, sen ningún tipo de negociación, provocando situacións xeneralizadas e claramente sancionábeis de compras por baixo do custo de produción. Pedíuselle á AICA que aumente as inspeccións de oficio ante prácticas que vulneran a Lei da Cadea Alimentaria.
O leite derramado
Na xuntanza, púxose o foco no caso galego. Como explicamos onte nun comunicado, as granxas estanse vendo obrigadas a tirar o leite por negarse a asinarse contratos con prezos abusivos impostos pola industria, unha situación límite que evidencia a grave deterioración do sector lácteo. Esta práctica, alén de insostíbel, está a provocar un impacto económico devastador nas granxas: cada día que unha granxa se ve forzada a refugar a súa produción perde entre 1.200 e 1.800 euros, o que supón máis de 40.000 euros mensuais, abocando a moitas delas a unha situación crítica e ao bordo do peche.
Tamén se compartiu coas responsábeis da AICA información sobre a conxuntura do mercado lácteo tanto a nivel estatal como internacional, co obxectivo de facelas partícipes da falta de xustificación dos baixos prezos impostos polas industrias e en ausencia de negociación cos gandeiros e gandeiras do sector.
Reunión co Ministerio de Agricultura
Mañá a gandeira e integrante da Executiva Nacional do Sindicato Labrego Galego, Isabel Vilalba Seivane, acudirá canda a delegación da COAG á reunión convocada polo Ministerio de Agricultura para abordar o conflito xerado unilateralmente polas industrias no sector e esixir un posicionamento claro do Goberno a favor do presente e o futuro do vacún de leite.