22/02/2023
Denunciamos incidencias na tramitación de axudas para persoas agricultoras mozas e demandamos ampliación do prazo
Problemas de funcionamento no MELLES, erros na Orde publicada e escaso prazo de solicitude, principais obstáculos. Esiximos que se manteña a posibilidade de solicitar plans de mellora ás persoas solicitantes da axuda na campaña anterior
A Secretaria Xeral do Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL), Isabel Vilalba, vén de se dirixir á Consellaría do Medio Rural para denunciar as múltiples incidencias presentes na convocatoria da Orde pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para a creación de empresas para as persoas agricultoras mozas, para o apoio a investimentos nas explotacións agrícolas e para a creación de empresas para o desenvolvemento de pequenas explotacións e se convocan para o ano 2023, que conta con un mes de prazo para a súa solicitude.
O proceso de tramitación da mesma por parte do persoal técnico do SLG-CCLL está a evidenciar numerosos obstáculos que afectan directamente ás posibilidades de acceso das persoas agricultoras mozas.
Por unha parte, constátanse problemas no funcionamento do MELLES, a aplicación informática para a súa tramitación, que afectan por exemplo á xeración de documentos como o Anexo VII. Por outra, o propio texto da Orde está a resultar problemático, ao presentar erros que afectan ás fórmulas para o cálculo dos módulos de certos investimentos, dificultando o asesoramento ás solicitantes e a elaboración dos estudos económicos. Tamén se realizaron modificacións nos criterios de cálculo económico do plan empresarial, o que obriga a refacer e repensar expedientes que xa estaban en proceso.
Canda estas incidencias e variacións, chama a atención a modificación de criterios políticos no plantexamento da mesma, que precisamente provocarán inda máis dificultades no seu acceso por parte daquelas persoas que se queren incorporar a unha actividade tan esencial para toda a sociedade como é a produción de alimentos, e na que as estatísticas vaticinan que 6 de cada 10 profesionais do sector estean xubiladas/os no ano 2030.
Por exemplo, o Artigo 31.1. "Requisitos das persoas beneficiarias" indica a necesidade de: "ser titular dunha explotación agraria inscrita, polo menos cunha antigüidade dun ano, no Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia excepto para as persoas mozas que soliciten nesta mesma convocatoria a axuda para a creación de empresas para as persoas agricultoras mozas, ou que se produza unha fusión entre diferentes explotacións". Este cambio de redacción con respecto á convocatoria pasada deixa fóra destas axudas granxas de nova creación que terían que agardar un ano para consolidar o seu proxecto de incorporación.
Ademais, a Orde deste ano especifica que as persoas solicitantes da axuda de incorporación xunto coa axuda de apoio aos investimentos nas explotacións agrícolas da anterior anualidade, non poderán agora solicitar de novo a axuda de apoios aos investimentos nas explotacións agrícolas (plan de mellora), tanto se teñen esta liña aprobada na anterior anualidade como se non. Ademais de resultar totalmente inxusto que se retire este apoio ás persoas mozas que deciden iniciar un proxecto agrogandeiro, a prohibición deste aspecto non fica recollido como tal na Orde.
Asemade, cómpre lembrar tamén que, como xa denunciamos, a resolución desta Orde correspondente á convocatoria do 2022 tivo lugar unha vez estaba iniciado xa o prazo de solicitude da nova convocatoria 2023, procedemento que non só non se axusta aos prazos de resolución establecidos pola Administración, senón que dificulta inda máis o proceso para as granxas solicitantes. Por unha banda, aquelas persoas que iniciaron durante o ano 2022 o proceso de instalación inicial contando con obter esta axuda, perden agora a posibilidade de solicitala, ao seren xa titulares de granxas, precisamente por terse tomado o traballo de ir arrancando xa o proxecto. Aliás, as persoas que teñan posibilidades de obter a axuda nesta nova convocatoria, perderon varios días do prazo establecido para a mesma -aberto actualmente-, ao enterarse tarde da súa denegación.
Á vista destas numerosas incidencias, dende o Sindicato Labrego Galego vimos de solicitar formalmente á Consellaría do Medio Rural a ampliación do prazo de presentación das solicitudes de axuda -que, reiteramos, habida conta da súa complexa tramitación e da importancia de fomentar a incorporación á actividade agraria debería ficar aberta durante todo o ano-, a modificación do Artigo 31.1 e que se permitan solicitar plans de mellora aos solicitantes de axuda da campaña anterior.