sanacisclo2

15/03/2023

Denunciamos actividade presuntamente ilegal na mina San Acisclo (Muras)

Aportamos probas documentais da presenza de maquinaria e demandamos investigación e que se valoren posíbeis sancións. Entre as irregularidades da mina destacan o incumprimento da Directiva de Augas, Rede Natura e ausencia de licencia municipal

 

A responsábel da Loita contra o Acaparamento de Terras, Margarida Prieto Ledo, vén de dirixir escritos e fotografías ao concello de Muras e á Polícía Autonómica para denunciar actividades presuntamente ilegais na polémica mina de San Acisclo (Muras), situada na área de amortecemento e no contorno de protección do ben do patrimonio cultural de Galiza denominado Mámoa do Chao do Navallo -catalogado con código GA27033036-, e que non conta cos necesarios informes de Augas de Galicia, nin con Estudo de Impacto Ambiental.

Esiximos a paralización inmediata destes traballos, por tratarse de actividades que carecen das preceptivas autorizacións de augas, ambiental e urbanística, e demandamos o inicio dos correspondentes procedementos sancionadores contra os infractores, así como que se nos teña por personadas nos mesmos, e se lle dea o correspondente trámite de audiencia”, reivindica Prieto.

Na súa denuncia a responsábel da loita contra o acaparamento de terras no SLG-CCLL ilustra con imaxes a presenza de maquinaria, presuntamente contratada pola empresa mercantil concesionaria Materiales Cerámico Materias Primas SL., realizando labores mineiras na concesión Ampliación San Acisclo nº 4076 en Silán (Muras).

Para chegar até a finca na que se atopan agora, as máquinas pasaron por leiras particulares sen permiso. Animamos á veciñanza a denunciar se se atopan neste caso”, indica Margarida Prieto.

Actualmente está interposto un recurso de reposición por parte do Sindicato Labrego Galego no que solicitamos a suspensión da autorización da actividade mineira por parte da Xunta de Galicia, para a cal non consta ademais a existencia dunha licencia municipal.

Como xa temos denunciado en reiteradas ocasións, son múltiples as irregularidades presentes na mina San Acisclo, comezando porque esta concesión e o seu proxecto encádranse na Proposta de ampliación da rede Natura 2000 de Galicia (Decembro 2011), vulnerando a Directiva 92/43/CEE, relativa á Conservación de Hábitats Naturais e da Fauna e Flora Silvestres.

Trátase ademais dunha actividade extractiva con impactos ambientais severos, destacando a afección moi severa e prexuízos irreparables para a Rede Natura 2000 e a súa incoherencia e falla de conectividade ecolóxica entre os ecosistemas. Cómpre ter en conta que as especies non entenden de límites xeográficos e que o mantemento da conectividade ecolóxica é fundamental para a conservación dos ecosistemas e da coherencia da propia Rede

Tamén conleva unha afección moi severa e prexuízos significativos para os recursos hídricos, carencendo dun estudo hidrolóxico e hidroxeolóxico que garanta a calidade das masas de aguga superficiais e soterradas e a no afección aos acuífureos, vunerando flagrantemente da Directiva Marco dá Auga (DMA). Esta afección severa exténdese ao conxunto de cauces da área e afección do proxecto con impactos sobre brañas, humidais, fontes e nascencias de cauces, ficando unha importante rede fluvial afectada por este proxecto de explotación mineira a ceo aberto.

Dende o SLG-CCLL seguiremos pendentes da evolución deste expediente, denunciando calquera outra nova irregularidade identificada no proxecto da mina San Acisclo.