
01/03/2023
Denunciamos a eliminación de fondos PAC para disimular a deficiente dotación orzamentaria para ecolóxico
A Xunta propón eliminar do PEPAC 40M para zonas con limitacións naturais, 11M para cultivos sostíbeis e 7,5M de gasto público total. Esiximos que a cobertura das agroambientais de ecolóxico non se realice a costa de reducir partidas con alto nivel de execución
As protestas do sector fronte ás incidencias provocadas pola deficiente xestión de fondos para a agricultura ecolóxica e zonas desfavorecidas que impediu que un importante número de granxas puideran acceder a axudas públicas para as que cumprían os requisitos para ser beneficiarias, motivou que a Xunta de Galicia realizara unha proposta de modificación do Plan Estratéxico da PAC 2024-2027 (PEPAC) de cara ás solicitudes de axudas agroambientais para a agricultura ecolóxica que se realizarán no ano 2023-2027 .
Esta proposta de modificación foi tratada onte no Comité de Seguimento Rexional do Plan Estratéxico da Política Agrícola Común 2023-2027, onde foi aprobada e será trasladada hoxe ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA).
A gandeira e técnica en Política Agraria Común (PAC) no Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL), Ana Rodríguez, presente nesta xuntanza, chama a atención sobre o feito de que no texto aprobado figuran cuestións que non foron tratadas nos encontros preparatorios ca Consellaría do Medio Rural (CMR), o Fondo Galego de Garantía Agraria (FOGGA) e/ou outros departamentos administrativos da Xunta de Galicia.
Aliás, ningunha das emendas presentadas polo Sindicato Labrego Galego foron incorporadas nesta proposta. Varias delas constituían observacións que tiñan que ver ca procedencia dos fondos que a Xunta pretende derivar para cubrir as axudas agroambientais de ecolóxico.
Os últimos datos do Programa de Desenvolvemento Rural (PDR) de Galiza 2014-2022, revelan con claridade que entre as medidas de maior grao de execución están as agroambientais e os pagos a zonas con limitacións naturais e outras limitacións específicas. A porcentaxe de eficacia total de medidas como as de áreas de montaña e zonas distintas ás de montaña, por exemplo, estaban por riba do 80%. De feito, todas as medidas que teñen que ver coa agricultura e gandería teñen un nivel de execución moi alto, contrastando con outras medidas que non chegan ao 40% de eficacia.
Á vista destes datos, a representante do SLG-CCLL solicitou no Comité de Seguimento Rexional do PEPAC que o orzamento preciso para cubrir as axudas agroambientais para a agricultura ecolóxica que se realizarán no ano 2023-2027 non foran obtidos a costa de reducir fondos das medidas que historicamente mellor funcionaban, como finalmente se fixo.
En primeiro termo a Xunta decidiu unha diminución de 40 millóns de euros asociadas á medida de zonas con limitacións naturais. “Se ben a Xunta afirma que vai convocar estas axudas nos anos 23, 24 e 25 con fondos sobrantes do PDR 2014-2022, os cálculos revelan que sería preciso dispor de alomenos 60 millóns de euros para cubrir estas tres convocatorias, pero dende o Sindicato Labrego Galego non temos ningún dato que garanta que existe unha dispoñibilidade real destes fondos”, alerta Rodríguez.
Unha segunda sustración de fondos sería aplicada na medida de rotación de cultivos sostibles, de onde se extraerían 10.855.750€. “A Consellería argumentou que pensa que esta intervención non vai ser atractiva para as persoas posibles solicitantes. Dende o SLG consideramos que este non é un argumento sólido para operar unha redución de varios millóns de euros nas cuantías das axudas. Primeiro polo menos deberían convocalas, e a partir daí extraer algún criterio”, sinala a técnica do SLG especialista na PAC.
Canda estas dúas reduccións orzamentarias nas axudas destinadas á actividade agrogandeira no marco da Política Agraria Común, a modificación presentada pola Xunta tamén diminúe gasto público total do PEPAC en -7.500.000 euros, neste caso de financiación autonómica e do Estado, trasladando os fondos de intervencións cun cofinanciamento FEADER do 65% a un cofinanciamento FEADER do 80%. “Non resulta coherente eliminar fondos de medidas de apoio ao sector para dotar de orzamento outras, en todo caso a solución é aumentar os fondos, no movelos dun lado para o outro. Dende o Sindicato Labrego Galego consideramos, e así o trasladamos na xuntanza do PEPAC, que en ningún caso se debe eliminar ningunha partida orzamentaria, polo tanto estes sete millóns e medio, así como o resto de contías idicadas, deben seguir figurando no cadro previsto”, explica a representante do SLG-CCLL.
Dende o Sindicato Labrego Galego seguiremos atentas á evolución da estratexia de xestión de fondos do PEPAC -sen perder de vista que casos previos de neglixente xestión de fondos públicos por parte da Xunta de Galicia deixaron fóra destas convocatorias persoas que cumprían os requisitos para obtelas-, ao tempo que seguiremos demandando á Administración galega, estatal e europea que se dote de fondos suficientes a agricultura ecolóxica, as zonas con limitacións naturais e a xestión sostíbel de pastos, pero que este incremento non proveña da eliminación de fondos para outras medidas de apoio ao propio sector, habida conta de que no anterior periodo as que máis índice de eficacia tiveron foron gandería e agricultura, sendo totalmente improcedente retirar cartos precisamente de onde máis se solicitaba.