Denunciamos a absoluta indefensión da granxa de Manzaneda á que se lle obrigará a sacrificar 40 vacas sas

19/03/2024

Denunciamos a absoluta indefensión da granxa de Manzaneda á que se lle obrigará a sacrificar 40 vacas sas

A marcaxe das vacas para sacrificio paralizada a semana pasada co apoio de máis de 200 persoas tivo lugar na mañá de hoxe. O Conselleiro sigue desaparecido. Instamos a unha revisión urxente da catalogación da prevalencia 0 de tuberculose na GZ

Na mañá de hoxe tivo lugar finalmente a marcaxe de 40 animais sans para o seu sacrificio por parte da Xunta de Galicia, paralizada o pasado venres grazas ao apoio de arredor de 200 gandeiros, gandeiras e veciñanza da contorna; boa parte destas persoas achegáronse tamén para dar apoio aos gandeiros afectados. Como vimos informando dende o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) trátase dunha explotación de vacún de ubicada na aldea de Palleirós (Manzaneda) á que lle foron detectadas tres vacas positivas en tuberculose, sendo negativas nas probas o gando restante.

O responsábel do SLG-CCLL na comarca, Xosé Anxo Pérez Rúa, presente tamén hoxe durante a intervención do persoal veterinario da Consellaría do Medio Rural, destacou a dolorosa situación de indefensión na que se atopan estes gandeiros: “Estes compañeiros están indefensos. Primeiro, porque non se lles permitiron facer probas de contraste. Segundo, porque non lles permitiron diferenciar as unidades de rabaño. Terceiro, porque ven que con este baleirado sanitario van a perder máis de 30.000 euros. Cuarto, porque toda a carga emocional a teñen que afrontar solos. Quinto, porque a Xunta de Galicia so se adica a asinar sentenzas e impor sancións, como se non tivera Consellaría do Medio Rural para xestionar situacións deste tipo. Quinto, porque teñen que cargar con todo o traballo de levar os animais ao matadoiro, buscar toda a infraestrutura de transporte, para a fin de contas malvender. Sexto, porque teñen que conseguir nun período curto de tempo novos animais para reposición e logo agardar máis de 2 anos para empezar a producir. E sétimo, porque quedan 4 vacas preñadas, que se lles vai a provocar o parto prematuro e posterior eutanasia para os pobres becerriños. Calquera persoa no seu lugar sentiríase indefensa”.

Ante a gravidade desta situación, resulta moi chamativo -se ben non novidoso- que o Conselleiro José González Vázquez estea desaparecido. A Consellaría do Medio Rural é perfectamente consciente de que a calquera granxa galega lle pode pasar unha situación así e en calquera momento, inda que se cumpran tódalas medidas hixienico-sanitarias. De feito, no SLG temos noticia de que están aparecendo positivas en tuberculose en diferentes granxas e os estudos científicos indican que está presente nos reservorios silvestres das poboacións de xabarín e corzo, entre outros.

Reiteramos a urxencia de manter unha xuntanza ca Consellaría do Medio Rural, solicitada a pasada semana mais non atendida até o momento. Así como a inmediata abordaxe de cuestións fundamentais en materia de saneamento animal, como a revisión da pervalencia 0 de tuberculose na Galiza, a realización de probas de diagnose que aclaren a verdadeira incidencia da enfermidade e a reactivación dos controis anuais de saneamento -de eficacia demostrada ao longo destes anos- en detrimento de medidas puramente efectistas como sacrificar ducias de vacas sás e provocar abortos pola detección de casos na granxa.

Cabe explicar ademais que as vacas marcadas hoxe na granxa de Manzaneda non cumpren os requisitos institucionais para seguir o seu ciclo produtivo na granxa, mais si para ser incorporadas á cadea de alimentación humana como calquera outro animal san. A única diferenza vai ser o prezo percibido polos gandeiros, xa que os intermediarios aprovéitanse da obrigatoriedade de sacrificar para ofrecer prezos máis baixos que os existentes a día de hoxe no mercado.

Reproducimos a continuación as medidas a esixir á Xunta de Galicia, acordadas en asemblea o pasado día 15 na aldea de Palleirós, subscritas na súa totalidade polo Sindicato Labrego Galego, e instamos á Consellaría a deixar de agocharse con este caso, así como a activar medidas de análise e control que aclaren cal é a situación real de prevalenza desta enfermidade no noso territorio.

ACORDO ASAMBLEARIO NO LUGAR DE PALLEIRÓS DO 15 DE MARZO DE 2024

Reunidos en Asemblea, produtoras e produtores de vacún de carne no lugar de Palleirós, concello de Manzaneda, o día 15 de marzo de 2024,

ACORDAMOS QUE A CONSELLERÍA DE MEDIO RURAL DEBE DE ADOPTAR ESTAS MEDIDAS URXENTES, E QUE A CONTINUACIÓN DE DETALLAN:

PRIMEIRO.- Pedimos unha reunión urxente co Conselleiro de Medio Rural.

SEGUNDO.- Solicitamos que non se sacrifiquen aos animais sans, sacrificándose tan só os animais oficialmente confirmados e realizar as investigacións oficiais pertinentes para establecer un criterio obxetivo e determinar deste xeito a existencia ou non da difusión das enfermidades de declaración obrigatoria.

TERCEIRO.- Esgotar todas as vías de control e de estudo dunha explotación antes de chegar a un ditame de baleirado sanitario.

CUARTO.- Non se entende que comunidades autónomas que cumpren cos niveis sanitarios de prevalencia teñan que adoptar medidas moito máis drásticas e lesivas para as explotacións que outras comunidades con niveis sanitarios de menor cualificación sanitaria. Polo que solicitamos a revisión da catalogación de prevalencia 0 en Galicia, debido a alta incidencia de tuberculose da fauna salvaxe.

QUINTO.- Que se volva a retomar o saneamento gandeiro anual.

SEXTO.- Que se incrementen os baremos de indemnización dos animais sacrificados a raiz dun sacrificio obrigatorio establecidos polos servizos veterinarios oficiais, para a reposición cando menos ao mesmo nivel de prezos estipulados noutras axudas como pode ser as indemnizacións por morte causadas por fauna salvaxe.

SÉPTIMO.- Que se incremente cando menos o período de lucro cesante ata os dous anos, que é cando a explotación volvería a ter ingresos por venta de becerros.

OITAVO.- Que as indemnizacións de reposición e de lucro cesante da Consellería de Medio Rural sexan complementarias coas indemnizacións do seguro de explotación de saneamento gandeiro.

NOVENO.- Erradicar a práctica da provocación de partos con oxitocina e a posterior morte de becerros recén nacidos para posteriormente ser recollidos pola empresa de recollida de cadáveres porque vai totalmente en contra da Lei de Benestar Animal.

Asinamos a presente no lugar de Palleirós, as 12:00 horas do día 15 de marzo de 2024.