Novas

  • Demandámoslle ao Ministerio e á Consellería a creación de grupos de traballo que analicen e revisen os produtos fitosanitarios validados no uso de drons e os casos nos que se poderían utilizar

    Demandámoslle ao Ministerio e á Consellería a creación de grupos de traballo que analicen e revisen os produtos fitosanitarios validados no uso de drons e os casos nos que se poderían utilizar

    • 15,Xul 2026
    • Posted By : Sindicato Labrego
    • 0 Comments
    • drons
    • fitosanitarios
    • sindicato labrego galego
    • O Sindicato Labrego Galego considera que o marco normativo contemplado na Directiva Europa 2009/128/CE e no Real Decreto 1311/2012 é suficiente para cubrir as demandas do sector agrario, pero falta desenvolvelo e actualizalo cun profundo análise dos produtos autorizados e dos casos nos que se utilizaría.

    • Dende o SLG salientan a importancia de incorporar as novas tecnoloxías á produción agrícola e gandeira. Con todo, recordan que a tecnoloxía ten que estar ao servizo das persoas agricultoras e non ao revés. Así mesmo, mostran a súa preocupación en canto a que este debate sexa unha maneira de irmos cara a unha desregulación masiva do uso de fitosanitarios.

    Galiza, 15 de xullo de 2026. O Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) demanda ao Ministerio de Agricultura unha comisión específica de traballo onde se afonde nos produtos autorizados e os casos onde pode cumprir a autorización do uso de drons para a aplicación de produtos fitosanitarios.

    A organización agraria salienta que o marco normativo permite en casos especiais o uso de drons e considera que esta “excepción” é necesaria analizala caso a caso. Recordan que actualmente a Consellería do Medio Rural é a administración encargada de recibir, avaliar e resolver as solicitudes para realizar tratamentos aéreos excepcionais como así o contempla o Real Decreto 1311/2012. Con todo, o propio Real Decreto reserva a competencia para homologar produtos químicos ao Ministerio de Agricultura. Isto trasládase en que se se detecta unha necesidade nunha zona e se cursa unha solicitude técnica á Consellería do Medio Rural, esta só a pode aprobar en virtude de se o Ministerio de Agricultura ten autorizado ou non algún produto fitosanitario para facer este tipo de actuación, por tanto, é necesario profundar no desenvolvemento desta normativa e non é necesario camiñar cara a unha libre desregulación”, salienta Brais Álvarez, apicultor e Secretario de Acción Sindical do SLG.

    Por unha aplicación coidadosa coa saúde das persoas e do medio

    Dende o Sindicato Labrego Galego, destacan, tamén, que nesta materia non se pode ir cara a unha desregulación total, e que actualmente a lei, a maiores de autorizar en determinados casos a aplicación destes métodos, garante unha aplicación coidadosa coa saúde das persoas e tamén co medio, xa que esixe, entre outras cousas, que as persoas que apliquen os produtos teñan o carne de piloto aplicador e un rexistro minucioso, que permite un seguimento correcto, no Rexistro Oficinal de Produtores e Operadores de Medio de Defensa Fitosanitarios (ROPO) e no Rexistro de Aeronaves e Instalacións Permanentes (REGANIP). O SLG defende que isto debe seguir así. “O debate para nós non está en modificar a lei para ser máis permisivas e permisivos co uso de fitosanitarios, porque este escenario só vai favorecer que se aumente o uso deles e que se apliquen aínda dunha maneira máis nociva para a saúde das persoas e do medio ambiente”, exclama Álvarez. “Cómpre ademais destacar a estratexia da granxa á mesa da UE que pretendía reducir o uso de fitosanitarios á metade antes do 2030, consideramos que esta tecnoloxía que vén regulada dentro do marco actual pode contribuír a isto e avanzar cara a unha aplicación cada vez máis responsábel dos mesmos. Falar de ser máis permisivas con esta tecnoloxía para a aplicación de produtos fitosanitarios só vai favorecer un descontrol maior e un uso masivo deles”, asevera.

    Unha lexislación que camiñe cara a un enfoque social

    A lexislación sobre fitosanitarios non debe flexibilizarse para que se siga contaminando, senón que debe desenvolverse con un enfoque social. Neste caso, no SLG, salientamos que o uso das novas tecnoloxías pode ter puntos a favor disto último, pero segue sendo necesario afondar no estudo e en como esta favorece a redución do uso dos mesmos. É dicir: sermos máis eficientes nos casos excepcionais de utilización de fitosanitarios e en como a súa redución mellora a saúde das persoas labregas e das persoas que viven na contorna.

    A organización considera, ademais, que un debate tan serio e importante para as labregas e a sociedade non pode servir para lanzarse pedras dende as distintas administracións. “A lei é clara: o Ministerio ten que estudar e actualizar que produtos poderían ser válidos e en que caso, instar ás empresas xeradoras dos mesmos ao uso de compoñentes válidos menos contaminantes e a Consellería do Medio Rural ten que estudar e aportar ao Ministerio estudos moi minuciosos que fagan ver os resultados, vantaxes ou inconvenientes cando esta solución é a mellor para o sector”. Por todo isto, dende o SLG demandamos xa que tanto no ámbito galego como estatal se cren comisións específicas de traballo e control onde se atopen representadas persoas das administracións, organizacións agrarias, universidades, científicas e científicos, etc, co fin de desenvolver unha norma dun xeito racional e positivo e non camiñar cara a atrás.

    Análise da realidade galega caso a caso e interlocución co Ministerio

    Nos últimos meses, a aparición da praga do verme soldado e a realidade do sector do viño nalgunhas zonas como a Ribeira Sacra puxeron no centro do debate esta cuestión. Para o Sindicato Labrego Galego é normal que o sector poña no centro este debate, é unha nova tecnoloxía que se ve como unha oportunidade no sector de combater pragas, mellorar a eficiencia e o gasto no produto, ou mesmamente mellorar as condicións laborais e os riscos psicosociais nas persoas que aplican os produtos.

    Pero a organización móstrase cautelosa con esta nova tecnoloxía, advertindo que “pode axudarnos pero non vai ser a solución a todos os nosos problemas”. O uso de fitosanitarios está demostrado que ten incidencia na nosa saúde, tanto de quen aplica como de quen consume, e está demostrado que un mal uso ou un abuso dos mesmos contamina grandes superficies. Como se trata dunha nova tecnoloxía hai que ter cautela ir desenvolvéndoa dende o obxectivo central que é reducir o uso dos mesmos. Polo tanto é necesario que as administracións se tomen isto en serio e que se traballe para buscar solucións dentro do marco actual tendo en mente o obxectivo e ir sendo menos dependente destes produtos e non favorecer ou enganar á sociedade facendo crernos que é necesario desregular”.

    Nese senso, dende o Sindicato Labrego Galego consideran que, no caso galego, a Ribeira Sacra pode funcionar como experiencia piloto desta tecnoloxía. “É unha demanda que ten a xente viticultora desa zona, unha zona especialmente complicada e perigosa para traballar e estanlle a ver vantaxes á aplicación por este sistema fronte ao tradicional, argumentando principalmente que provoca menos deriva e escorrentía, que é mais seguro para a saúde das persoas, que se reduce o uso dos mesmos etc”.

    Por todo isto, dende o Sindicato Labrego Galego cremos que a Consellería do Medio Rural debe traballar para convencer ao Ministerio de que use unha pendente moi elevada desta zona para un plan piloto. Así mesmo, a situación co verme soldado é para o SLG outro exemplo dos casos nos que se debe valorar se se autoriza o non o uso desta tecnoloxía, subliñando que, ademais de que se debe axilizar o procedemento de estudo e que produtos autorizar, cómpre sempre analizar caso a caso dentro do marco normativo actual.