GabineteDeCrise

21/03/2022

Demandamos convocatoria urxente de Gabinete de Crise da Xunta co sector primario e o sector do transporte

A folga de transporte está a afectar máis intensamente á Galiza, a Xunta debe pór tamén medidas, non pasar a pelota ao Estado. Estamos en contacto con outras organización do sector para conseguir a convocatoria inmediata do gabinete de crise.

O Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas pide a convocatoria urxente por parte da Xunta de Galicia dun gabinete de crise na que estean presentes representantes do sector primario e do sector do transporte.

Precisamos a garantía inmediata de cuestións básicas como a recollida de leite das granxas ou a distribución de subministros que garantan o benestar animal.

Ante a pasividade amosada neste momento polas distintas Administracións consideramos absolutamente prioritario o establecemenro de medidas inmediatas para a darlle saída á dificultade extrema que están vivindo tanto o sector primario como o do transporte.

Dado que un dos territorios máis afectados por esta folga está a ser Galiza, non se entende que non haxa unha busca de solucións tamén dende aquí, dende o territorio. O goberno da Xunta de Galicia simplemente respondeu mandando unha petición ao goberno do Estado, na clásica estratexia de pasarse a pelota dunha Administración a outra cando hai dificultades. Esta deixadez de funcións é unha absoluta irresponsabilidade.

Estamos en contacto con outras organizacións do sector para facer forza común para entre todas acadar a convocatoria inmediata deste gabinete de crise por parte da Xunta de Galicia.