apiculturapatrimonio

19/05/2022

Demandamos compromiso institucional para declarar a Apicultura Patrimonio Inmaterial da Humanidade

Rexistramos solicitude na Consellaría de Cultura, no marco dunha campaña estatal na que tamén nos diriximos ao Ministerio. Mañá, 20 de maio, é o Día Mundial da Apicultura, co que a ONU destaca o seu rol fundamental no mantemento da biodiversidade

O Sindicato Labrego Galego – Comisións Labregas (SLG-CCLL) rexistrou onte na Consellaría da Cultura, a través do seu coordenador na área de montes, Diego Sánchez Agra, unha solicitude para declarar a Apicultura patrimonio inmaterial da humanidade (DOCUMENTO ADXUNTO). Con esta iniciativa dende o SLG-CCLL instamos tanto á Consellaría, como á Xunta de Galicia no seu conxunto, a apoiar e reforzar esta campaña diante do Ministerio de Cultura, así como dos estamentos europeos e internacionais que correspondan.

O rexistro deste documento, enmarcado na conmemoración mañá do Día Mundial da Apicultura declarado pola Organización das Nacións Unidas (ONU), forma parte dunha estratexia conxunta a nivel estatal lanzada pola Coordinadora de Organizaciones de Agricultores y Ganaderos (COAG).

De xeito previo, o pasado 11 de febreiro deu comezo unha campaña de recollida de sinaturas na plataforma Change.org para que a apicultura sexa declarada pola UNESCO Patrimonio Inmaterial da Humanidade, que superou as 80.000 sinaturas en apenas 2 meses, boa mostra da sensibilización que en xeral existe na sociedade ao respecto do valor da apicultura e a súa trascendencia para o mantemento dos ecosistemas e a biodiversidade no seu conxunto.

Asemade, canda o rexistro desta solicitude nas Consellarías de Educación de varios territorios do Estado, mañá presentaremos no Ministerio de Cultura e Deporte 110.00 firmas de apoio á petición impulsada en Change.org.

A apicultura é un oficio milenario imprescindible para os nosos ecosistemas naturais e agrarios. A apicultura no medio rural, ademais de fixar poboación, garante un mínimo potencial polinizador para que non decaia o vigor de moitas plantas e, por extensión, de todos os membros do medio que dependen destas plantas para perdurar. Segundo o Parlamento Europeo, o 76% da produción de alimentos e o 84% das especies de plantas dependen da polinización que realizan as abellas.

A polinización contribúe directamente á rexeneración de ecosistemas e á conservación de especies ameazadas (vexetais e animais), favorecendo así a frutificación e a produción de sementes de especies cultivadas e silvestres. No Estado español o beneficio en polinización, só no sector agrario, estímase que supera os 4.000 millóns de euros anuais. En todo o mundo, ese beneficio estímase que superaría os 153.000 millóns de euros ao ano.

Segundo os datos oficiais do último censo apícola elaborado polo Ministerio en 2021, o Estado español conta con 35.300 persoas apicultoras e un censo de 3.049.065 de colmeas (datos REGA, marzo- abril 2021), salientando ademais que o nivel de profesionalización desta actividade no Estado español é o máis alto de toda a Unión Europea. Sen embargo, o balance das últimas campañas apícolas é realmente preocupante. Detectamos un descenso da colleita de mel que supera o 40 %, así coma un aumento da porcentaxe de baixas próximo ao 50%. Ao contrario do que cabería supor, esta escasez non está a impedir que os prezos de venda ofertados aos/ás apicultores/as estean por baixo dos custo de produción. Ao mesmo tempo, aumentan as importacións de mel foráeno, nomeadamente da China, que alcanza xa o 63% de todo o mel importado no Estado. Esta tendencia destrutiva compromete a rendibilidade das explotacións apícolas, de tal xeito que nos vindeiros anos veremos desaparecer progresivamente numerosos/as apicultores/as, e canda eles e elas todos os beneficios xerados nos ecosistemas.

Mais a apicultura non só é cada vez menos rendible por mor dos baixos prezos e as importacións, senón tamén porque as colmeas son máis difíciles de manter en condicións óptimas por culpa das múltiples patoloxías, efectos nocivos de praguicidas, problemas ambientais e climáticos. Necesítase cada vez máis adicación e formación, só para manter vivas as colmeas.

Esta situación coñécese xa como o “síndrome de despoboamento apícola”, e ten entre as súas consecuencias máis graves o déficit de polinización. Estamos nestes momentos nunha situación de crise de polinización a nivel planetario, e a apicultura vese afectada de xeito diferenciado por esta eiva. Sen un apoio institucional, acentuaríase drasticamente o abandono da profesión e axiña se notaría a falta de colmeas para asumir a polinización de cultivos e plantas silvestres.

A través da solicitude rexistrada no día de onte na Consellaría de Cultura, e que será trasladada mañá tamén ao Ministerio de Cultura, demandamos a posta en marcha dun plan de viabilidade, integrado polas seguintes cinco medidas: 1) Compromiso coa sanidade e a investigación apícola; 2) Compromiso coas axudas agroambientais á apicultura; 3) Compromiso co control da aplicación dos insecticidas dañinos para as abellas, establecendo ademais máis controis sobre o correcto uso dos produtos fitosanitarios en floración; 4) Compromiso coa protección da abella autóctona: Apis mellifera iberiensis -o Estado español é das poucas áreas do mundo onde aínda se mantén a raza de abella autóctona, e estamos a tempo de conservala-; 5) Compromiso co control das importacións de mel adulterada ou outros sucedáneos, garantindo total transparencia na etiquetaxe dos meles, indicando claramente o país de orixe.

A trascendental importancia das Apicultura para a humanidade pode ser identificada a través da súa presenza en pinturas rupestres, restos arqueolóxicos, recintos colectivos históricos de asentamento de colmeas, calidades etnolóxicas e terminoloxía, instrumentos apícolas e indumentaria, colmeas tradicionais construídas con diferentes materiais, así como na multitude de peculiaridades e tesouros apícolas propios de cada xeografía. Agora, no primeiro cuarto do século XXI, urxe un compromiso sólido por parte das Administracións para asegurar que as abellas non só sexan parte esencial do noso pasado, senón tamén unha riqueza irrenunciábel que protexer no presente e fortalecer de cara ao futuro.