Novas

  • Demandamos a intervención urxente do Ministerio e da Xunta ante os contratos abusivos no sector lácteo

    Demandamos a intervención urxente do Ministerio e da Xunta ante os contratos abusivos no sector lácteo

    • 08,Abr 2026
    • Posted By : Sindicato Labrego
    • 0 Comments
    • prezos leite
    • Renovación de contratos do leite
    • sindicato labrego galego
    • Ás catro granxas de Ribadeo abandonadas por Reny Picot por mor de non aceptaren as ofertas abusivas, temos que sumar dous novos casos que foron comunicados ao Sindicato Labrego Galego na zona da Ribeira de Piquín (Lugo), ás que a mesma empresa deixou de recollerlles o leite.

    • Estes contratos que acaban de impoñerse ao sector produtor deberan considerarse ilegais polo feito de que destrúen claramente o valor e temos unha subida de custos de produción que non se está tendo en consideración, pois os custes de produción e o estudo da cadea de valor do Ministerio é do ano 2023”, subliñou en declaracións á entrada do Ministerio de Agricultura a gandeira Isabel Vilalba.

    • Dende o SLG animamos a que se hai máis granxas nesta situación contacten coa organización, xa que seguiremos denunciando estas inxustizas ante a xustiza.

    Galiza, 8 de abril de 2026. Esta mañá a gandeira e integrante da Executiva Nacional do Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL), Isabel Vilalba Seivane, acudiu á mesa sectorial do vacún de leite convocada polo Ministerio de Agricultura para abordar o conflito xerado unilateralmente polas industrias no sector lácteo e esixir unha posición clara do Goberno a favor do presente e do futuro do vacún de leite.

    Logo da crise dos prezos do leite que están vivindo as gandeiras e os gandeiros en Galiza, –véndose na obriga de ter que tirar o leite porque as empresas deixaron de recollelo, saltándose a Lei da Cadea Alimentaria, como vimos denunciando durante esta semana-, na xuntanza de hoxe encontrámonos con que dende a Ministerio de Agricultura afirmaron que “os prezos percibidos polos gandeiros españois continúan en niveis favorábeis e por riba da media da Unión Europea (UE)”, cando, no caso galego, as produtoras veñen de asinar contratos abusivos cun descenso, en moitos casos, de até 8 ou 10 céntimos por litro de leite.

    Ás catro granxas de Ribadeo abandonadas por Reny Picot por mor de non aceptaren as ofertas abusivas, temos que sumar dous novos casos que foron comunicados ao Sindicato Labrego Galego na zona da Ribeira de Piquín (Lugo), ás que a mesma empresa deixou de recollerlles o leite. Dende o Sindicato Labrego Galego animamos a que se hai máis granxas nesta situación contacten coa organización, xa que seguiremos denunciando estas inxustizas ante a xustiza.

    Contratos ilegais e suba de custos de produción

    En palabras da gandeira Isabel Vilalba, que acudiu á xuntanza en representación do Sindicato Labrego Galego e da Coordinadora de Organizaciones de Agricultores y Ganaderos (COAG), esta mañá “quedaron de relevo cuestións que vimos denunciando dende hai tempo”, afirmou. “A primeira é que estes contratos que acaban de impoñerse ao sector produtor deberan considerarse ilegais polo feito de que destrúen claramente o valor e temos unha subida de custos de produción que non se está tendo en consideración, pois os custes de produción e o estudo da cadea de valor do Ministerio é do ano 2023”, subliñou en declaracións á entrada do Ministerio de Agricultura, tras o remate da mesa sectorial.

    Neste mesmo momento hai gandeiras e gandeiros en Galiza obrigados a tirar o leite por non firmar esas condicións abusivas, con baixadas de até oito céntimos”, engadiu, deixando claro que a administración debe actuar de maneira urxente ante esta problemática e facer cumprir, dunha vez por todas, a Lei da Cadea Alimentaria. “Estes contratos deben ser obxecto de todas estas intervencións da administración, tanto da Comisión Nacional dos Mercados e da Competencia como da AICA –Axencia de Información e Control Alimentarios- para actuar contra estas cuestións, que son contrarias á Lei, como é destruír o valor, como permitir que cisternas que no seu país de orixe teñen un prezo superior entren con prezos de derribo, como se o Estado español fose un espazo para sumidoiro para esas cisternas que de excedente de produción doutras partes de Europa”, denunciou.

    O sector en datos

    Dende o Ministerio de agricultura fíxose unha presentación na que se viu con claridade que aumentou o consumo de lácteos, baixando a produción no ano 2025 (-0,5%) e diminuíu o censo de vacas e de novelas. Ademais, na actualidade hai unha balanza neta negativa (moitas máis importacións ca exportacións, que vai en aumento). De 2.913.304 toneladas de importacións en menos de 5 anos pasamos a 4.272.635 toneladas no último ano. A maioría das importacións de Francia (772 euros tonelada de produto no 2025), Portugal (421 euros tonelada de produto) e Países Baixos. Afondando nos contratos, o 36% do volume de leite do Estado ten contratos de 12 meses ou máis, 37% de 6 a 12 meses e 19% de menos de 3 meses. As entregas internas cobren aproximadamente o 77% do consumo aparente (no ano anterior o 78%).

    Como levamos denunciando dende hai tempo no Sindicato Labrego Galego, esta mañá vimos que se está destruíndo o valor na cadea, algo ilegal na Lei da Cadea; non hai xustificación para esta baixa de prezos pola situación de mercado -xa que aumenta a demanda- e tanto o Ministerio, a Xunta como a AICA deben actuar ante a situación tendo en conta a suba dos custos efectivo de produción -especialmente agora con toda a situación crea coa guerra de Irán e a crise de Oriente Medio-. A administración non pode seguir poñéndose de perfil cando está en perigo o sector produtor de leite tanto en Galiza como no conxunto do Estado”, resaltou a gandeira Isabel Vilalba.

    Dende o Ministerio de Agricultura aseguraron que a AICA “reforzará a supervisión dos operadores do sector e recorda a posibilidade de denunciar posíbeis incumprimentos, garantindo a confidencialidade”. Hoxe o Sindicato Labrego Galego desprazouse a Madrid en representación de todas as gandeiras e todos os gandeiros que están a sufrir os abusos das industrias, en representación do Sector Lácteo Galego, de todas as granxas de leite que resisten, de todas e cada unha das persoas que se viron na obriga de asinar contratos abusivos, daquelas que decidiron non facelo e por iso tiveron que derramar o leite. Acudimos á reunión do Ministerio para que a voz das labregas entre nos despachos e na administración, porque ese é o noso deber como organización que loita polas labregas e os labregos de Galiza. E así seguimos facéndoo de novo diante da Axencia de Información e Control Alimentarios e de todos os organismos que sexan necesarios.