PrezosLeite2

01/02/2024

Demandamos a intervención urxente da Consellaría do Medio Rural no proceso de renovación de contratos do leite

Lactalis e Leite Río, dúas das principais empresas de recollida, están ofertando idénticos abaratamentos do leite á distribución. Pedimos á CMR que solicite unha investigación da CNMC sobre as prácticas abusivas que as industrias están a impor ás granxas

Estamos iniciando a tempada de negociación de contratos do leite e, unha vez máis, os abusos da industria ameazan con condicionar o marco das negociacións. As granxas están recibindo ofertas con fortes ameazas á baixa, sendo as pequenas e medianas de modelo familiar, que precisamente contribúen de xeito especial á fixación de poboación no medio rural, as que adoitan saír máis prexudicadas nestas negociacións desiguais.

 

Ademais, temos constancia de que a empresa con maior volume de recollida na Galiza (Lactalis) e a empresa galega que máis recolle (Leite Río) están realizando á distribución ofertas idénticas de abaratamento do leite.

 

Fronte á situación vulnerábel das granxas galegas, solicitamos a intervención inmediata do conselleiro José González Vázquez no proceso de negociación. Instámolo a que se comunique ca Axencia de Información e Control Alimentarios estatal (AICA) para que vele polo cumprimento da Lei da Cadea Alimentaria impedindo que este tipo de prácticas destrúan valor na mesma, así como á Comisión Nacional dos Mercados e da Competencia (CNMC) para investigar posibles acordos comerciais entre empresas que están ofertando á distribución baixadas similares no mesmo día.

 

De non haber intervención por parte da Consellaría do Medio Rural (CMR), é obvio que esta situación de vai empeorar a sangría de peche de centos de granxas galegas cada ano. Segundo datos do Ministerio de Agricultura, no ano 2022 na Galiza tiñamos 6.017 produtoras, que se reduciron a 5.655 no 2023.

 

Ademais, malia a sermos o territorio con maior volume de produción, a día de hoxe as gandeiras e gandeiros galegos seguimos a percibir os prezos polo leite máis baixos de todo o Estado, onde en todos os territorios (agás Galiza e Baleares) está por riba dos 0,50cts/l. De feito, cónstanos que houbo xa renovacións en comunidades veciñas como Castela e Leon que consolidan os seus prezos actuais, máis altos que na Galiza, ao tempo que a nivel europeo tamén está habendo subidas.

 

Á vista do actual escenario comercial e da alza de custos de produción que veñen soportando as granxas, non existe ningún tipo de xustificación para que as industrias lácteas tenten impor unha baixada de prezos ao sector produtor, actitude que só se pode adxudicar ás ansias destas empresas por aumentar a súa marxe de beneficios á costa da desvalorización do noso leite.