Por parte do proxecto RITA, a Rede de Impulso para a pequena Transformación Alimentaria, representada por Conchi Mogo (Sindicato Labrego Galego) e Raquel C. Pereiro (Germinando), asistiron ao Seminario «Del campo a la despensa», onde se deron cita proxectos incipientes e iniciativas relacionadas coa #AlimentaciónSostíbel que comenzaron en 2024 grazas á convocatoria da Fundación Daniel y Nina Carasso, co mesmo nome: «Del campo a la despensa»

O xoves 26 de xuño celebrouse unha xornada de traballo interno para as persoas asistentes na que se compartiron os avances dos proxectos. Participaron entidades e proxectos de APAEMA, Biziola, Kalaska, A Carqueixa, Ecocomedores de la Biosfera, Conservas Contigo y La Fundició.
O venres 27 de xuño tivo lugar a visita a experiencias inspiradoras. A primeira, o Centro Agroecológico de Distribución (CAD) de Horta-Cuina, situado no espazo Ecotira de Mercavalencia. Alí, CERAI presentou o programa que realizan dende Horta-Cuina, que traballa por facer posíbel unha alimentación baseada na agricultura local, incorporando produtos ecolóxicos, frescos e de tempada nos menús dos centros escolares e grupos de consumo situados nestes centros. O proxecto segue crecendo de maneira significativa dende a súa posta en marcha. Empezaron con 7 comedores escolares como proxecto piloto e xa chegaron a 48; para o ano que vén esperan chegar a 60-70. Con todo, o seu obxectivo non se centra tanto en aumentar o número de centros, senón en crear fidelidade cos que xa están e que parte do menú que elaboran se subministre a través de Horta-Cuina.
O programa conta ademais con actividades de sensibilización nos colexios e un mentoring para que as empresas que xestionan a cociña e as direccións dos centros poidan realizar un deseño adecuado dos menús e o seguimento detallado dos seus custos.

Por último, realizamos unha visita a Saifresc, empresa provedora de Hortacuina, creada “dos petos e os corpos de 3 agricultores” que xuntaron as súas terras para dedicarse á horta. Esta empresa valenciana dedicada ao cultivo e venda de hortalizas ecolóxicas fíxonos coñecer como é Horta Cuina dende a perspectiva da produción. Para eles o programa incide nun aspecto fundamental para o sector agroecolóxico baseado en pequenas e medianas empresas que ofrecen alimentos de proximidade e tempada: os hábitos de alimentación das persoas. O estudo de custos e a mellora dos seus procesos en Saifresc foi fundamental para conseguir un prezo xusto e alcanzábel. Actualmente consideran que o punto débil encóntrase no cambio de hábitos da forma de consumir, cun modelo máis ligado a unha “lóxica de supermercado”, tamén no ecolóxico: as tendas e supermercados compran os produtos de zonas onde estes cultivos son máis produtivos; o que fai que se perdan outros valores como a proximidade, a frescura, a tempada ou prácticas agroambientais como a rotación de cultivos. Saifresc foi recoñecida na terceira edición dos Premios Ecolóxicos da Unión Europea (UE).

Sobre RITA
RITA – Rede de Impulso á pequena Transformación Alimentaria – é un proxecto conxunto de varias entidades con ampla traxectoria en iniciativas para o desenvolvemento de sistemas alimentarios territorializados (SAT) e o impulso da agroecoloxía. Estas son ARCA (Associaciò d’Iniciatives Rurals i Marítimes de Catalunya). Cooperativa Germinando, Extremadura Alimenta, Sindicato Labrego Galego, SEAE (Sociedad Española de Agricultura Ecológica y Agroecología) e o Instituto de Estudios Campesinos de la Universidad de Córdoba (ISEC-UCO). Ten como obxectivo o fomento, a consolidación e a mellora da viabilidade e sostibilidade da pequena transformación alimentaria. O proxecto RITA conta co apoio e acompañamento da Fundación Daniel y Nina Carasso a través do seu eixo Alimentación Sostible, contribuíndo á transformación da sociedade cara a un modelo máis ecolóxico, inclusivo e un desenvolvemento en plenitude.
