Novas

  • Declaración de València: A compra pública alimentaria como panca para os dereitos das persoas labregas e o dereito á alimentación

    Declaración de València: A compra pública alimentaria como panca para os dereitos das persoas labregas e o dereito á alimentación

    • 07,Out 2026
    • Posted By : Sindicato Labrego
    • 0 Comments
    • Foro Compra Pública
    • València

    Dende o Foro Internacional realizado en València o 1 e 2 de outubro de 2026, as persoas participantes proclamamos que a Compra Pública Alimentaria é unha das ferramentas de política pública máis potentes para transformar os nosos sistemas agroalimentarios cara a modelos máis xustos, sostibles e arraigados nos territorios e para asegurar os dereitos do campesiñado e o dereito á alimentación.

    As organizacións labregas, sociais, institucionais e académicas; as persoas activistas polos dereitos labregos e o dereito á alimentación, provenientes de América Latina, Asia, África e Europa e reunidas os días 1 e 2 de outubro móstrannos que existen alternativas e que xa están en marcha. Países como Brasil, a India, Indonesia, Cabo Verde e varios territorios en Europa, ensínannos que cando o Estado garante prezos xustos, reserva cotas para a agricultura labrega e inviste en redes locais, a compra pública alimentaria pode converterse nun motor de fortalecemento dos mercados locais, desenvolvemento rural, saúde pública, equidade e benestar social.

    Estímase que os Estados membro da UE dedican cada ano 50.000 millóns de euros a compra publica alimentaria, algo que non podemos considerar neutro, nin reducir a un mero trámite administrativo. Non é aceptable que o diñeiro público financie alimentos producidos a costa da vulneración de dereitos laborais, a degradación ambiental ou unhas condicións de vida e traballo precarias.

    A emerxencia climática, a perda acelerada de biodiversidade, a liberalización comercial, a desregulación dos mercados e o crecente control corporativo dos sistemas agroalimentarios están a poñer en risco a supervivencia do campo e o dereito de todas as persoas a unha alimentación saudable, culturalmente apropiada e digna.

    A iso, súmase a falta de coherencia entre determinadas políticas públicas que, mentres promoven a transición cara a sistemas alimentarios sostibles, manteñen ou favorecen medidas comerciais, agrarias, económicas ou de contratación que dificultan eses mesmos obxectivos. Esta falta de coherencia, así como a insuficiente coordinación entre os distintos niveis de goberno, reduce a eficacia das políticas públicas e limita a capacidade transformadora da compra pública alimentaria.

    Durante décadas, a externalización nos servizos públicos das cociñas nos nosos colexios, hospitais e residencias someteu a alimentación a criterios de prezo e rendibilidade, favorecendo modelos de produción e distribución industrial e concentrada. Este modelo dificulta o acceso da agricultura labrega e familiar de pequena e mediana escala á compra pública, presiona á baixa os prezos en orixe, contribúe ao baleirado dos nosos pobos e afasta os alimentos frescos, locais e de tempada das nosas mesas.

    Ao mesmo tempo, a alimentación nestes espazos ten unha dimensión fundamental de saúde pública, prevención e educación alimentaria. A compra pública non pode limitarse a garantir o abastecemento: debe contribuír a que as persoas, especialmente a infancia, persoas maiores e colectivos en situación de especial vulnerabilidade, teñan acceso a alimentos adecuados, saudables e culturalmente apropiados.

    Dende este Foro, no que nos reunimos o movemento labrego, as organizacións sociais, a comunidade científica e representantes das administracións públicas de distintos niveis, facemos un chamamento aos poderes públicos e esiximos:

    Primeiro: Modificar as normas de contratación pública. Reclamamos que o prezo deixe de ser o criterio dominante na Compra Pública Alimentaria. Esiximos unha contratación descentralizada deseñada para facilitar o acceso da agricultura campesiña, priorizando este modelo con porcentaxes mínimas obrigatorias e facilitando o proceso para alcanzar que a totalidade das compras públicas proceden do mesmo con reserva de contratos, lotes adaptados ás pequenas producións diversificadas e organizacións produtoras, e criterios sociais, ambientais, de alimentos locais e de calidade que permitan orientar o gasto público cara a sistemas alimentarios máis xustos e sostibles con plena seguridade xurídica.

    Segundo: Garantir prezos xustos e contratos estables. A compra pública debe asegurar prezos que cubran os custos de produción e garantan unha remuneración digna para quen produce, así como contratos estables que acheguen seguridade e previsibilidade. Estas condicións son fundamentais para soster a agricultura labrega e familiar e favorecer a remuda xeracional no campo. Estes principios deben orientar tamén as compras dos organismos internacionais, especialmente do Programa Mundial de Alimentos, para fortalecer os mercados locais. Para os alimentos que non poden producirse localmente, reclamamos promover o comercio xusto. Debe asegurarse a coherencia destes enfoques no conxunto de políticas públicas agrarias e alimentarias, a nivel local, estatal e europeo, en especial respecto á PAC e as políticas de regulación de mercados. Convén, á súa vez, explorar vías de traballo máis profundas, como unha Seguridade Social Alimentaria, para asegurar o dereito á alimentación e protexer o modelo social de agricultura e gandería labrega e familiar.

    Terceiro: Recuperar e fortalecer a infraestrutura agroalimentaria labrega e pública. Esiximos a recuperación das cociñas in situ nos centros educativos, sanitarios e asistenciais, o avance cara a modelos de cociña de proximidade fronte á xeneralización da liña fría e o investimento en centros loxísticos e de provisión territorial que permitan á agricultura labrega abastecer de forma estable e planificada a demanda da compra pública.

    Cuarto: Priorizar o intercambio e a formación entre actores para apoiar a saúde, a cooperación e a soberanía alimentaria. A compra pública debería facilitar a educación, o entendemento e a cohesión territorial entre actores, promovendo alimentos frescos, de tempada e agroecolóxicos procedentes da agricultura labrega, á vez que pon en valor a cultura alimentaria local e o papel esencial do persoal de cociña. Por exemplo, no caso dos comedores escolares é imprescindible formar e involucrar a toda a comunidade educativa —profesorado, familias, alumnado, equipos de cociña e direccións dos centros— para que a transformación do comedor sexa sostible e participativa. As autoridades competentes deben render contas sobre os avances e aplicación das políticas de compra pública.

    Quinto: Esixir a debida dilixencia en materia de dereitos humanos. Nin un só recurso público debe contribuír a cadeas de subministración asociadas á explotación laboral, a vulneración dos dereitos campesiños, a degradación ambiental e o uso de agrotóxicos ou o acaparamento de terras, especialmente no Sur Global. Esiximos que a contratación pública sirva para garantir o Dereito a unha Alimentación Adecuada e incorpore mecanismos efectivos de prevención, identificación e reparación de vulneracións de dereitos humanos, en coherencia coa Declaración das Nacións Unidas sobre os Dereitos dos Campesiños e doutras Persoas que Traballan nas Zonas Rurais (UNDROP).

    E sexto. Garantir unha gobernanza multinivel con participación efectiva das organizacións labregas. As políticas de compra pública alimentaria requiren coordinación entre os distintos niveis de goberno e participación efectiva das organizacións labregas no seu deseño, implementación e avaliación. Reclamamos espazos estables de diálogo entre administracións, organizacións produtoras e outros actores que permitan conectar as políticas locais, rexionais, estatais e europeas e garantir a súa coherencia. A agricultura labrega debe ser recoñecida como suxeito político e parte activa das decisións sobre os sistemas alimentarios, garantindo mecanismos de participación, seguimento e rendición de contas. Contamos coa evidencia científica, dispoñemos das ferramentas xurídicas e a sociedade civil está organizada. Non faltan diagnósticos; fan falta decisións políticas estruturais que convertan a Compra Pública Alimentaria nunha política de Estado dotada de estabilidade e continuidade máis aló dos ciclos de goberno.

    Dende València afirmamos que outra política agroalimentaria é posible, urxente e inaprazable. Fagamos do orzamento público unha ferramenta de dignidade para o campo, de saúde para a cidadanía e de xustiza para o planeta.