Novas

  • David Álvarez, viticultor do Sindicato Labrego Galego (Pantón): “Non estamos preparadas nin preparados para este tipo de incendios, o lume envolveunos en nada, é unha loucura”

    David Álvarez, viticultor do Sindicato Labrego Galego (Pantón): “Non estamos preparadas nin preparados para este tipo de incendios, o lume envolveunos en nada, é unha loucura”

    • 22,Set 2025
    • Posted By : Sindicato Labrego
    • 0 Comments
    • axudas
    • Forestal
    • incendios
    • lugo
    • Lumes
    • Pantón
    • sindicato labrego galego

    • “Foi un desastre”, acredita David Álvarez, sinalando a mala organización que se fixo dos incendios dende arriba, xa que os forestais da zona de Pantón estaban noutro incendio. “Non arderon máis casas nin máis terreos pola axuda dos veciños e veciñas que quedamos, senón ardía todo”.
    • Solicitámoslle á Consellería do Medio Ambiente que amplíe o prazo das axudas previstas para a reparación dos danos causados polos incendios, publicadas o pasado 30 de agosto e cuxo prazo remata o 30 deste mes.

    Galiza, 22 de setembro de 2025. Hai unha semana, o pasado domingo 14 de setembro, a cidadanía galega manifestábase en Santiago de Compostela, da man da Plataforma Por un Monte Galego con Futuro -da que o Sindicato Labrego Galego – Comisións Labregas (SLG-CCLL)– fai parte, ao berro de Lumes Forestais Nunca Máis. E hoxe, 22 de setembro, vémonos na obriga de volver denunciar un novo foco. Montes, casas e cultivos arrasados polo lume. Ás máis de 150.000 hectáreas que levan queimadas en Galiza e máis do 43% dos lumes do estado español, temos que sumarlles o sucedido recentemente en Pantón (Lugo).

    David Álvarez, viticultor do Sindicato Labrego Galego da zona, fálanos do outro lado do teléfono, aínda cos nervios a flor de pel. “Foi un desastre”, acredita, sinalando a mala organización que se fixo dos incendios dende arriba, xa que os forestais da zona de Pantón estaban noutro incendio, cando eles son os que mellor coñecen o monte, polo que hai que sumarlle a dificultade que supuxo para os forestais que non coñecían o territorio facerlle fronte aos lumes. “Se ao final nos mandan forestais doutra zona non ten sentido. Eles mesmos o recoñeceron, estaban nun sitio apagando e dende arriba mandábanlles ir para outro lado cando había unidades sen facer nada”, exclama o viticultor de Pantón.

    En canto ao cálculo, estímase que arderon preto de 2.000 hectáreas, aínda que, como recoñece o propio David, isto aínda non se pode confirmar ao cen por cen, xa que a cifra pode ser maior. “A min ardéronme viñas, aquí a un veciño unha hectárea”, sinala. “Non arderon máis casas nin máis terreos pola axuda dos veciños e veciñas que quedamos, senón ardía todo”.

    Falta de preparación

    Non estamos preparadas nin preparados para este tipo de incendios, o lume envolveunos en nada, é unha loucura”, sentencia David Álvarez, e declara que as propias unidades de medios fixeron fincapé na falta de preparación que ten o pobo galego ante tales lumes.

    Álvarez confesa que neste momento a veciñanza de Pantón aínda está asimilando todo o vivido. Cómpre agardar, pensar, actuar. “Aínda estamos quentes. Nós a nivel de grupo de municipal aínda temos que reunirnos e reflexionar sobre o acontecido, pero o que está claro é que temos que reformular como queremos o nosos montes. Insistimos, unha vez máis, na falta de coordinación nos medios á hora de apagar os lumes, na urxencia de delimitar franxas de seguridade, reformular os cultivos queremos poñer nos nosos montes, instalar bocas de incendio en cada núcleo”.

    As nosas esixencias

    Dende o Sindicato Labrego Galego solicitámoslle á Consellería do Medio Ambiente da Xunta de Galicia que amplíe o prazo das axudas previstas para a reparación dos danos causados polos incendios, publicadas o pasado 30 de agosto e cuxo prazo remata o 30 deste mes.

    Levamos anos denunciando que a mellor política contra os incendios é a defensa do rural vivo. A paisaxe mosaico tradicional —feita de leiras, prados, frondosas autóctonas e gando en extensivo— actuaba como un cortalumes natural. A desaparición desta estrutura, provocada polo despoboamento e pola aposta institucional polos monocultivos de eucalipto e piñeiro, e a redución das axudas ás pequenas granxas, creou un territorio continuo de combustíbel perfecto para as lapas.

    No SLG esiximos unha política forestal baseada na biodiversidade e nas frondosas autóctonas; a redución do eucalipto e de especies pirófitas dunha gran parte do territorio; a recuperación e apoio ao pastoreo extensivo e á agricultura de proximidade como ferramentas de xestión do territorio e de prevención do lume; axudas públicas reais e suficientes; prevención todo o ano ante os lumes; condicións dignas de traballo para un servizos de extinción profesional e suficientemente dotado; e unha protección real da terra e das persoas que viven do rural e que son as que o defenden e protexen cada día.