
08/04/2025
Dar a volta á guerra de aranceis: unha oportunidade para formular políticas que garantan o acceso á alimentación
Rexeitamos a utilización da alimentación como ferramenta de presión entre lobbies económicos a nivel internacional. Esiximos políticas orientadas á garantir a Soberanía Alimentaria dos pobos en base a un modelo agroecolóxico de produción
A actual “guerra de aranceis” entre áreas comerciais a nivel internacional está a pór en evidencia que, como vimos alertando dende fai décadas dende organizacións como La Vía Campesina, a orientación da produción alimentar en base a mercados globais é totalmente errada se o que verdadeiramente se pretende é fornecer alimentos sans para as persoas e o medio ambiente.
O Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) advirte unha vez máis da urxencia de replantexar as actuais políticas que rexen a produción e distribución da alimentación reencamiñándoas cara a garantía de abastecemento de alimentos sans e nutritivos á poboación.
A exacervada dependencia do subministro alimentario de factores incontrolábeis vinculados ás controversias xeopolíticas, o capital especulativo ou o quecemento global fai que o sistema produtivo a grande escala sexa estruturalmente vulnerable, ao tempo que depredador de recursos naturais enerxéticos, requiridos para a produción, desprazamento, conservación e comercialización de alimentos a milleiros de kilómetros de onde van ser consumidos, sustentándose ademais en grandes monocultivos que xa teñen provocado unha preocupante perda de biodiversidade a nivel mundial.
Pouco antes da actual ameaza estadounidense, a crise do Coronavirus ou a guerra en Ucraína visibilizaron claramente as feblezas da agroindustrialización neoliberal do sistema alimentario. Esta situación de debilidade está directamente relacionada co impulso de políticas que alentan as grandes producións industriais dependentes de insumos de fóra.
Dende o SLG instamos a reflexionar sobre a pertinencia de darlle unha nova lectura ao actual convulso escenario comercial apostando por reorientar as producións aos mercados internos, abandonando estratexias de liberalización internacional como os acordos que a UE está a negociar con algúns países do MERCOSUR ou con países como Indonesia, nos que a alimentación é empregada como moeda de cambio de outros intereses económicos.
“A nivel galego, pero tamén estatal e europeo, é unha absoluta irresponsabilidade non garantir o abastecemento de alimentos á poboación, que é un piar básico”, advirte a Secretaria Xeral do SLG, Isabel Vilalba. “O Sindicato Labrego, tanto a nivel galego como internacional a través da Vía Campesina levamos décadas demandando políticas que garantan algo tan esencial como é a soberanía alimentaria dos pobos en base a un modelo de produción agroecolóxico. Os actuais acontecementos non fan máis que darnos a razón, visibilizando como a aposta dos gobernos neolibrais polo agronegocio e intereses especulativos está a pór nunha situación de inseguridade alimentaria a unha importante parte do conxunto da poboación”.
A instrumentalización estadounidense dos aranceis constata que a falta de protección da produción agrícola e gandeira favorece que unha ferramenta ideada inicialmente para o equilibrio dos sistemas alimentarios autóctonos -protexendo a produción interna fronte ao dumping- podan ser distorsionados e utilizados como unha arma de presión entre distintos grupos económicos.
Denunciamos que a liberalización das políticas agroalimentarias e a súa orentación ao mercado global utilizan como reféns tanto ás persoas produtoras como ás consumidoras, hipotecando ao mesmo tempo o propio futuro medioambiental do planeta.
Esiximos limitar o financiamento público ás grandes corporacións, porque os pequenos e medianos sempre son os máis prexudicados e son estes os que teñen que ser prioritarios economicamente. Así mesmo, hai que investir en reforzar os mercados de cercanía. E para as grandes corporacións, que teñen moitas máis posibilidades comerciais, aplicar fundamentalmente políticas de desintensificacion, química e de consumo de auga, entre outros, para mellorar os alimentos que eles producen ou comercializan.
Se algo debemos aprender deste penúltimo episodio de inestabilidade comercial no marco do capitalismo neoliberal é que urxe desenvolver políticas que protexan a produción de alimentos, dirixidas ao fin primordial de garantir o seu subministro en lugar de estar supeditadas a lobbies económicos máis aló do alimentario.