Novas

  • O Sindicato Labrego Galego demanda á Xunta que teña en conta os danos provocados pola maquinaria de extinción nos prados e parcelas agrarias

    O Sindicato Labrego Galego demanda á Xunta que teña en conta os danos provocados pola maquinaria de extinción nos prados e parcelas agrarias

    • 19,Set 2025
    • Posted By : Sindicato Labrego
    • 0 Comments
    • axudas
    • danos
    • galicia
    • galiza
    • incendios
    • LABREGAS
    • maquinaria
    • rural galego
    • sindicato labrego galego
    • slg
    • xunta de galicia

    Desde o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL), pedimos que as administracións se responsabilicen dos danos ocasionados pola maquinaria anti incendios no campo.

    Se ben comprendemos que a acción foi necesaria durante a emerxencia provocada pola vaga de lumes, de non facerse nada agora, isto deixa nunha situación moi vulnerable ás persoas labregas.

    Galiza, 19 de setembro de 2025. Desde o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregras (SLG-CCLL) facemos fincapé nos danos ocasionados pola entrada de maquinaria pesada durante os labores de extinción dos incendios forestais producidos nas últimas semanas. Na zona de Agolada , a apertura de cortalumes con bulldozers deixou prados e parcelas agrarias inservíbeis para sementar os cultivos de inverno.

    Aínda que entendemos que a entrada de maquinaria é unha de situación comprensible no medio da emerxencia provocada polos lumes, os efectos nas terras de cultivo deixan agora ás persoas labregas afectadas nunha situación moi complicada. Sen unha intervención por parte das administracións, os prados permanecerán desfeitos e será imposíbel sementar a tempo, xa que coa chegada das chuvias non se poderá acceder ás leiras con maquinaria agrícola.

    Imaxe dos danos provocados pola maquinaria en Agolada.

    Imaxes dos danos provocados na zona de Agolada.

    Desde o SLG entendemos que, se ben se actuou tendo en conta as circunstancias excepcionais, agora hai unha responsabilidade por parte da Xunta de Galicia no arranxo dos danos ocasionados polo dispositivo anti incendios.

    Son danos que se produciron pola entrada nas parcelas da maquinaria pesada para a extinción, situación que entendemos, pero agora tamén consideramos que hai unha responsabilidade da Xunta no arranxo dos danos ocasionados polo dispositivo”, di Isabel Vilalba, Secretaria Xeral do SLG.

    O Sindicato Labrego Galego esixe, polo tanto, que a Xunta de Galicia asuma a súa responsabilidade e active de inmediato os medios necesarios para reparar os prados e leiras afectadas, garantindo que as producións poidan retomar canto antes a súa actividade normal.