Dende hoxe, 10 de novembro, até o día 21 deste mes, estase a celebrar en Brasil a Conferencia das Nacións Unidas sobre o Cambio Climático (COP30). A Vía Campesina, movemento social de máis de 200 millóns de labregas, labregos e comunidades rurais, costeiras e urbanas -da que o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas fai parte-, lanza un chamamento urxente e radical: debe rematar o tempo das falsas promesas e as solucións de mercado.
Denunciamos ás corporacións do agronegocio e aos gobernos ao seu servizo: fabricaron a crise climática e agora secuestran os procesos intergobernamentais para mercantilizar a natureza, salvar os seus negocios e roubarlle ao pobo a posibilidade de cambiar de rumbo, levándonos directamente ao colapso.
Ante esta realidade, o noso movemento reafirma o seu camiño:
A UNDROP na gobernanza climática!
Reforma agraria integral e popular xa!
Terra e dereitos para quen arrefría o planeta! A agroecoloxía labrega é a resposta!
Estas son solucións reais, baseadas na soberanía alimentaria, a dignidade e a xustiza para os pobos do mundo.
Mentres a COP debate sobre o financiamento climático e os mercados de carbono seguen virando -onde o afán de lucro marca o ritmo e a vida véndese ao mellor ofertante- esiximos reparacións climáticas tanto pola débeda climática como pola colonial, para achandar o camiño cara ás transicións agroecolóxicas, alzando a voz:
Propoñemos unha novo paradigma financeiro baseado en subvencións públicas incondicionais, non en préstamos. Estes fondos deben ser controlados democraticamente para impulsar transicións xustas e soberanas. […] Igualmente importante é que os países do Sur Global poidan transitar nos seus propios termos, con reparacións financeiras, transferencia de tecnoloxía e a autonomía para definir as súas propias sendas de desenvolvemento. […] Promovemos a construción dunha solidariedade global que tamén apoie transicións xustas e soberanas para os pobos do Norte Global, cuxo control sobre as súas propias economías é crucial para acabar co imperialismo e a explotación da clase traballadora e a Nai Terra.
A COP30 celébrase nun contexto favorable á organización popular, en Brasil, terra de grandes movementos sociais que non se renden e que nos reciben cos brazos e o corazón abertos na loita. A converxencia que forxamos no Cume dos Pobos para a COP30, xunto con movementos sociais de todo o mundo, dános a forza e o poder para enfrontar a quen, durante 30 anos, secuestraron a gobernanza climática e roubáronnos, ano tras ano, a oportunidade de cambiar o rumbo da humanidade.
Como movemento, participamos estratexicamente nos espazos da ONU para organizar a resistencia colectiva e visibilizar as solucións que xorden dos pobos. […] Para lograr a transformación, debemos confrontar o sistema coas súas propias ferramentas, acumulando vitorias que nos acheguen ao cambio que necesitamos.
Este manifesto é a nosa folla de ruta neste momento decisivo, o pulso da acción colectiva, un berro por unha profunda transformación sistémica. Convidámosvos a unirvos á loita, a camiñar connosco, ombreiro con ombreiro. Lede as nosas demandas, escoitade as nosas solucións e mergulládevos neste manifesto para reflexionar e avanzar xuntas. O manifesto organízase en tres partes: as causas estruturais da crise, as nosas demandas e as nosas solucións. Queremos que sirva como ferramenta para debater, discutir e cuestionar as narrativas hexemónicas.
