17/03/2021
Convocadas 22 accións en demanda da paralización do Plan Forestal e "Por un Monte Galego con Futuro"
A Plataforma Por un Monte Galego con Futuro, da que o SLG fai parte, convoca para o vindeiro domingo, día 21 de marzo, ás 12:00 horas (agás en Ourense, que é ás 11:00), unha acción descentralizada en demanda da paralización do Plan Forestal imposto polo PP; da adopción de medidas específicas, a través dun regulamento, para aplicar de maneira efectiva a anunciada moratoria do eucalipto, impedindo novas plantacións mediante o reforzamento das medidas de control e vixilancia e en defensa dun monte con futuro.
A moratoria do eucalipto anunciábase escasas horas despois de se aprobar o novo Plan Forestal Galego que a Plataforma ten denunciado, de forma reiterada, que responde unicamente a intereses produtivistas e de carácter privado.
Un plan que pon a ordenación dos usos do monte en mans das empresas madeireiras e forestais e deixa de lado o interese xeral, sen contemplar a necesidade de manter unha reserva ecolóxica de hábitats naturais e garantir así os servizos ecosistémicos dos montes galegos; fomenta o monocultivo e o aumento de especies pirófitas e invasoras e propón aumentar, aínda máis, a superficie ocupada por eucalipto, en detrimento das masas forestais autóctonas que apenas sufrirán incremento nos vindeiros 20 anos.
Para a plataforma este plan non fai máis que agravar a situación actual, que o propio goberno galego recoñeceu co anuncio da moratoria para prohibir máis plantacións de eucaliptos.
Por iso demanda, con esta acción descentralizada que se desenvolverá en 22 localidades galegas, a devolución do novo Plan Forestal Galego ao Consello Forestal para realizar unha nova redacción axeitada ás necesidades do país e na que poidan participar todas as organizacións relacionadas co monte e co medio rural.
ACCIÓNS DESCENTRALIZADAS
- Betanzos, Praza de García Hermanos
- Ferrol, diante do Edifizo Administrativo da Xunta
- Santiago de Compostela, diante da sé da Presidencia da Xunta de Galiza( Praza do Obradoiro)
- Melide, Xardíns do Cantón de San Roque
- Lugo, diante do Edificio da Xunta de Galiza
- Becerreá, diante do Concello
- Chantada, Praza do Cantón
- Vilalba, Praza do Templete
- Ourense, diante da Delegación Provincial do Medio Rural (ás 11:00 horas)
- Verín, diante do Concello de Verín
- Xinzo de Limia, na Praza Maior
- Vigo, sede da Xunta, praza da Estrela, Rúa concepción Arenal 8
- Pontevedra, na Praza da Ferrería
- Cangas, diante do Concello
- Bueu, diante do Concello
- Moaña, diante do Concello
- Vilaboa, diante do Concello
- Marín, diante do Concello
- Vilagarcía, praza de Ravella
- Cercedo-Cotobade, Praza do Concello
- Tomiño, Praza do Seixo
- Nigrán, Explanada de San Campio, A Ramallosa