Galiza, 25 de maio de 2026. Chega a València o Foro Internacional de Compra Pública Alimentaria e Agricultura Labrega e Familiar, organizado polo Centro de Estudios Rurales y de Agricultura Internacional (CERAI) e a Fundación Mundubat. Será os próximos 1 e 2 de outubro de 2026. O Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) forma parte do comité organizador, canda outras organizacións. Unha cita imprescindíbel que ten como obxectivo principal construír un marco global que garanta sistemas alimentarios xustos, sostíbeis e baseados en dereitos humanos, coa agricultura familiar no centro. Todo iso xunto a gobernos, labregas, institucións, academia e sociedade civil.
Baixo o lema Retos e oportunidades para a agricultura labrega e familiar, o foro exponse como un espazo de encontro e diálogo para compartir experiencias, propostas e alianzas ao redor da compra pública alimentaria. Entre os contidos salientábeis figuran:
Experiencias inspiradoras impulsadas en diferentes rexións do mundo.
Propostas normativas adaptadas a distintos contextos legais e territoriais.
Evidencia científica sobre a viabilidade técnica, económica e social deste modelo.
Alianzas estratéxicas entre institucións, movementos sociais e academia para impulsar e ampliar estas transformacións.
Por que agora un foro destas características?
Vivimos un momento crítico para os sistemas alimentarios globais. A crise climática; a liberalización comercial; a especulación e desregulación da economía de mercado; a concentración corporativa da cadea agroalimentaria; e o aumento das desigualdades rurais poñen en perigo o dereito á alimentación e a sostibilidade dos territorios.
Ao mesmo tempo, os modelos de restauración colectiva e provisión alimentaria dos servizos públicos avanzan cara a unha crecente externalización e mercantilización, desprazando á agricultura familiar e reducindo a capacidade da cidadanía para acceder a unha alimentación saudábel, sostíbel e xusta.
Neste contexto, resulta urxente priorizar políticas públicas que apoien á agricultura familiar e labrega mediante ferramentas estratéxicas como a Compra Pública Alimentaria (CPA). Este modelo é clave para fortalecer as redes locais de produción, democratizar o acceso aos alimentos e soster sistemas agrarios social e ambientalmente xustos.
Esta convocatoria nace cun fin claro: demostrar que outro sistema alimentario non só é posíbel senón imprescindíbel. Fronte a un modelo dominado pola lóxica do mercado, a concentración empresarial e a desigualdade, con este foro, CERAI e Mundubat reivindican unha transformación urxente que sitúe ás persoas e ao planeta no centro das políticas alimentarias.
Se tras ler estas liñas, naceu tamén o teu interese polo foro, xa podes consultar na web o programa completo e realizar a preinscrición. As prazas son limitadas.