12/09/2024
Concentración polo presente e futuro da Ribeira Sacra, MAÑÁ, venres 13, ás 11.30h. na Consellaría do Medio Rural (Lugo)
Dispoñíbel servizo de autobuses con saída ás 10 dende Chantada, pasando por Escairón, Pantón e Monforte. O Sindicato Labrego Galego tamén asistirá á xuntanza convocada pola Consellaría do Medio Rural o vindeiro mércores 18
Ante o anuncio dunha mesa de traballo para o vindeiro mércores 18 realizado hoxe pola Consellaría do Medio Rural ás organizacións agrarias, dende o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL), se ben asistiremos a esta xuntanza, queremos confirmar que mantemos a convocatoria de mobilización realizada para mañá, venres 13 de setembro, ás 11.30h., diante das dependencias da Consellaría do Medio Rural (CMR) en Lugo (Xunta de Galicia, Ronda da Muralla, 70).
O SLG habilita un servizo de buses dende a Ribeira Sacra a Lugo, que realizará o seguinte percorrido: saída ás 10:00h dende o cemiterio de Chantada, 10:15h Rotonda do Polígono de Escairón, 10:20h Ferreira de Pantón (rotonda do cuartel), 10:30h Monforte (gasolineira das fontes).
Tanto a destacable demora nesta proposta de xuntanza -que chega xa ca vendima comezada malia ser este un problema coñecido dende fai anos, que vimos poñendo sobre a mesa dende fai meses e que debía ser atallado antes da campaña-, como o propio enfoque da mesma “para analizar a situación actual de crisis na Denominación de Orixe Ribeira Sacra e propor solucións de futuro para dar resposta aos distintos problemas que actualmente existen na D.O.” en palabras da CMR, denotan unha lentitude na vontade de reacción e actuación por parte da Xunta de Galicia que sigue xustificando que o sector se manteña mobilizado se queremos que da xuntanza do vindeiro mércores saiamos ca solución que precisamos xa para esta vendima: unha axuda directa para as viticultoras e viticultores aos que non se lles vai recoller a uva e unha proposta clara de actuación que evite que esta situación, como xa vaticinan as propias adegas da Ribeira Sacra, se repita de novo o vindeiro ano.
Lamentabelmente, xa fai unhas semanas asistimos a un anuncio de medidas por parte da CMR que ademais de insuficientes, concretaríanse inda dentro de moitos meses despois de que teña lugar a vendima.
Así, ca concentración de mañá en Lugo demandamos que a Consellería de Medio Rural tome medidas realmente efectivas para que os viticultores e viticultoras ás que lles quede a uva sen recoller teñan unha compensación económica que cubra, como mínimo, os custos de produción nos que incorreron durante todo o ano.
06/09/2024, Entrega de batería de medidas inmediatas ao Consello Regulador Ribeira Sacra: https://sindicatolabrego.gal/novas/entrega-de-bateria-de-medidas-inmediatas-ao-consello-regulador-ribeira-sacra/