CONCENTRACION 10 DE ABRIL - COMPOSTELA

04/04/2024

CONCENTRACIÓN o MÉRCORES 10 de abril fronte a Xunta de Galicia (COMPOSTELA) polo plan de saneamento, contra o sacrificio obrigatorio de animais e as indemnizacións de miseria

Sen resposta ás solicitudes de xuntanza. O conselleiro José González tenta evitar abordar as contradicións da prevalencia 0. A preocupación ante o baleirado de máis granxas medra entre as gandeiras galegas, esiximos diálogo urxente ca administración

Baixo o lema "Polo plan de saneamento fronte á tuberculose bovina e contra o sacrificio obrigatorio de animais sans e as indemnizacións de miseria" o vindeiro mércores 10 de abril ás 12:30h. o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) convoca unha concentración diante dos Edificios centrais da Xunta de Galicia (San Caetano, Santiago de Compostela).

Como sinalou o representente do SLG-CCLL Xosé Manuel Parente o pasado venres 26 de marzo dende a mobilización celebrada na delegación da Xunta en Ourense, “a distancia entre Santiago e Ourense é a mesma que dende Ourense a Santiago, así que se eles non queren vir aquí imos ter que ir nós alí e van ter que recibirnos e dar cara, xa non só diante do Sindicato Labrego Galego, senón diante das dúas persoas ás que truncaron o seu futuro e medio de vida a semana pasada sacrificándolle 46 cabezas de gando.”

A actual clasificación do noso país como zona de prevalencia 0 en tuberculose bovina ten como consecuencia o baleiro sanitario e o sacrificio de animais sans sen realización de probas que confirmen a enfermidade. Contraditoriamente, nas granxas ubicadas en territorios limítrofes catalogados cunha prevalencia superior, no caso de seren detectados casos so son eliminados os animais positivos, practicándose probas periódicas ao resto da cabana gandeira, que pode seguir sendo xestionada con normalidade, e mesmo poden ser mercados en territorios de prevalencia 0, como o noso.

Dado que o Conselleiro do Medio Rural, José González Vázquez, segue sen respostar ás solicitudes de entrevista para abordar unha problemática que está a causar graves perdas ás gandeiras e gandeiros galegos e incrementando a preocupación ante a incertidume dun posible contaxio e baleirado da explotación -estudos científicos confirman a presenza de tuberculose en reservorios salvaxes-, o vindeiro mércores 10 de abril levaremos as nosas reivindicacións a Santiago de Compostela, a fin de insistir na urxencia de ter unha xuntanza ca Consellaría do Medio Rural e a Subdirección Xeral de Gandaría, solicitudes non respostadas inda a día de hoxe.

O caso da granxa de Palleirós vense a engadir aos detectados nos últimos meses, non é un caso puntual. Dende o SLG observamos con consternación que a categoría indemne en tuberculose na Galiza -alcanzada precisamente grazas ás boas prácticas nas granxas- concede á actual Consellaría de Medio Rural unha posición privilexiada para xustificar ante Bruxelas a redución de inversións en saneamento gandeiro -a Xunta pasou do saneamento gandeiro anual a un cada tres anos-, a redución de inversións en reposición de animais mortos e a redución de inversións en compensación de lucro cesante. Estes recurtes págano logo granxas, que teñen que afrontar perdas por valor de milleiros de euros agardar alomenos dous anos ata voltar producir a pleno rendemento.

Dende o Sindicato Labrego Galego esiximos ao Conselleiro José González Vázquez que deixe de mirar cara outro lado e faga o seu traballo, cumprindo ca responsabilidade de establecer dun diálogo directo inmediato co sector para abordar a gravidade do escenario actual. Dende o Sindicato Labrego Galego demandamos, canda as medidas aprobadas na aemblea do pasado 15 de marzo en Manzaneda (recollidas a continuación), que sexa a propia Administración a que se encargue de levar os animais ao matadoiro e de repoñer outros animais sans a custo cero para as granxas.

ACORDO ASAMBLEARIO NO LUGAR DE PALLEIRÓS DO 15 DE MARZO DE 2024

Reunidos en Asemblea, produtoras e produtores de vacún de carne no lugar de Palleirós, concello de Manzaneda, o día 15 de marzo de 2024,

ACORDAMOS QUE A CONSELLERÍA DE MEDIO RURAL DEBE DE ADOPTAR ESTAS MEDIDAS URXENTES, E QUE A CONTINUACIÓN DE DETALLAN:

PRIMEIRO.- Pedimos unha reunión urxente co Conselleiro de Medio Rural.

SEGUNDO.- Solicitamos que non se sacrifiquen aos animais sans, sacrificándose tan só os animais oficialmente confirmados e realizar as investigacións oficiais pertinentes para establecer un criterio obxetivo e determinar deste xeito a existencia ou non da difusión das enfermidades de declaración obrigatoria.

TERCEIRO.- Esgotar todas as vías de control e de estudo dunha explotación antes de chegar a un ditame de baleirado sanitario.

CUARTO.- Non se entende que comunidades autónomas que cumpren cos niveis sanitarios de prevalencia teñan que adoptar medidas moito máis drásticas e lesivas para as explotacións que outras comunidades con niveis sanitarios de menor cualificación sanitaria. Polo que solicitamos a revisión da catalogación de prevalencia 0 en Galicia, debido a alta incidencia de tuberculose da fauna salvaxe.

QUINTO.- Que se volva a retomar o saneamento gandeiro anual.

SEXTO.- Que se incrementen os baremos de indemnización dos animais sacrificados a raiz dun sacrificio obrigatorio establecidos polos servizos veterinarios oficiais, para a reposición cando menos ao mesmo nivel de prezos estipulados noutras axudas como pode ser as indemnizacións por morte causadas por fauna salvaxe.

SÉPTIMO.- Que se incremente cando menos o período de lucro cesante ata os dous anos, que é cando a explotación volvería a ter ingresos por venta de becerros.

OITAVO.- Que as indemnizacións de reposición e de lucro cesante da Consellería de Medio Rural sexan complementarias coas indemnizacións do seguro de explotación de saneamento gandeiro.

NOVENO.- Erradicar a práctica da provocación de partos con oxitocina e a posterior morte de becerros recén nacidos para posteriormente ser recollidos pola empresa de recollida de cadáveres porque vai totalmente en contra da Lei de Benestar Animal.

Asinamos a presente no lugar de Palleirós, as 12:00 horas do día 15 de marzo de 2024.