CartazVelutinaLugo

06/10/2023

Concentración en LUGO para reclamar un plan de choque contra a Velutina

O SLG-CCLL convoca unha mobilización para o vindeiro mércores 11 en LUGO, diante do edificio administrativo da Xunta de Galicia. Malia o patente agravamento nestes últimos anos, a Xunta segue sen asumir as súas competencias fronte a esta especie invasora

O Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) convoca para o vindeiro mércores 11 de outubro, ás 11:30h. unha concentración en Lugo (diante do edificio administrativo da Xunta de Galicia) para esixir á Administración galega que asuma as súas responsabilidades e poña en marcha de xeito inmediato medidas efectivas na loita contra a Vespa Velutina Nigrithorax.

Dende a entrada no país da Vespa Velutina, fai xa máis de 10 anos, a Xunta nunca asumiu as competencias na loita contra as especies exóticas invasoras. Non elaborou un plan de actuación galego para a detección, control e/ou erradicación da Vespa velutina, nin executou o establecido na Estratexia do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación.

Cada vez destínanse menos recursos e hai mais atraso na retirada de niños, chegando á intolerábel situación de que persoas a nivel particular se vexan obrigadas a retirar elas mesmas os niños, expoñéndose a graves riscos para a súa saúde.

A Xunta de Galicia nin sequera está a asumir a súa responsabilidade nalgo tan básico como é o establecemento dun protocolo para o trampeo de captura de raíñas.

Con todo isto, o tártago asiático está a ter unha expansión exponencial por todo o territorio galego, con consecuencias nefastas, que van dende perdas na apicultura e estragos nas producións de froita e uva, até o lamentábelmente ben coñecido perigo para as persoas.

Por máis que dende o SLG-CCLL e outras entidades sociais levamos anos advertindo continuamente á administración da ameaza que supón a propagación sen control desta especie invasora, a Xunta segue a facer oídos xordos e a mirar para outro lado. Estamos falando dunha situación de saúde pública moi grave, na que xa se teñen sucedido varias mortes, precisamente pola falta de resposta da Administración cando se notifican os niños.

A expansión incontrolada da velutina non só afecta á produción de alimentos e á saúde das persoas, senón que tamén supón un grave problema medioambiental con consecuencias nefastas para a biodiversidade. Por todo isto, dende o SLG-CCLL facemos fincapé na pertinencia que toda a cidadanía se mobilice o vindeiro mércores 11 de outubro, ás 12.30h. fronte ao edificio administrativo da Xunta de Galicia en Lugo.