Novas

  • Compostela acolle un faladoiro sobre alimentación este martes 28 de abril no Mercado Agroecolóxico Entre Lusco e Fusco

    Compostela acolle un faladoiro sobre alimentación este martes 28 de abril no Mercado Agroecolóxico Entre Lusco e Fusco

    • 24,Abr 2026
    • Posted By : Sindicato Labrego
    • 0 Comments
    • acuga
    • sindicato labrego galego
    • soberanía alimentaria

    • O Sindicato Labrego Galego colabora con este evento organizado por ACUGA que se realizará no Mercado Agroecolóxico Entre Lusco e Fusco de Compostela (Parque de Belvís, ao carón do parquing), no horario de 18h a 20h.

    • ‘Voltar aos mercados e feiras. Realidade ou utopía nos tempos actuais?’ constará dun faladoiro, degustación de produtos de tempada e un roteiro guiado polos postos do Mercado. O evento é aberto a todo o público que desexe asistir.

    Compostela, 24 de abril de 2026. O vindeiro martes, 28 de abril, a Asociación de Consumidoras e Usuarias Galegas ACUGA organiza, en colaboración coa Federación de Consumidores e Usuarios (CECU), Amigas da Terra, REAS Galicia e o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL), un evento no Mercado Agroecolóxico Entre Lusco e Fusco de Compostela (Parque de Belvís, ao carón do parquing), no horario de 18h a 20h.

    Baixo o título ‘Voltar aos mercados e feiras. Realidade ou utopía nos tempos actuais?’, a xornada constará dun faladoiro sobre o dereito á alimentación, con degustación de produtos de tempada, co fin de sensibilizar á cidadanía sobre as diferenzas existentes entre os alimentos da agroindustria e os produtos locais, saudábeis e de tempada, que se producen na nosa contorna, poñendo sobre a mesa a importancia da actuación das persoas consumidoras para mudar o sistema agroalimentario cara á soberanía alimentaria. Tamén se falara do papel do sistema alimentario en fronte das crises actuais e da Carta do Dereito á Alimentación.

    Para finalizar, realizarase un roteiro guiado polos postiños agroecolóxicos do Mercado para que as persoas asistentes coñezan de primeira man os proxectos da contorna que nos fornecen alimentos saudábeis. O evento está aberto a todo o público que desexe asistir.

    ACUGA 28 abril