09/10/2024
Como se determina a calidade do leite galego? Xornada informativa e visita ao LIGAL
O SLG desenvolverá o martes 15 de outubro en Abegondo unha xornada gratuíta que analizará a situación actual no sector lácteo. Realizarase unha visita ao LIGAL e afondarase nas oportunidades do leite de pastoreo e as tecnoloxías dispoñíbeis para acreditalo
O vindeiro martes 15 de outubro o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas levará adiante en Abegondo (A Coruña) a xornada gratuíta “Como se determina a calidade do leite galego?”, que conta con financiamento do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación.
En horario de 11h. a 14h. e de 16h. a 18h. -inclúe xantar-, este espazo informativo terá lugar na Casa Azul-Concello de Abegondo (Lugar Igrexa, 26, 15318 Abegondo). Abordará unha panorámica da situación actual do sector e afondará en aspectos como as oportunidades do leite de pastoreo, da man do Doutor Enxeñeiro Agrónomo (Axencia Galega de Calidade Alimenaria, AGACAL – Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo, CIAM) César Resch Zafra, ou as tecnoloxías existentes a día de hoxe para a súa acreditación, coa Doutora en Química (AGACAL-CIAM) Laura González González.
A xornada completarase cunha visita ao Laboratorio Interprofesional Galego de Análise do Leite (LIGAL), onde o seu persoal explicará o funcionamento do laboratorio e cuestións específicas de interese para as gandarías como o novo sistema de precintado das mostras.
As inscricións pódense realizar no teléfono 686 936 429 ou no correo electrónico arzua@sindicatolabrego.gal.