
09/04/2025
Colleita en verde para a Ribeira Sacra: cero información, prazo limitado e non axustada á realidade
A CMR publica a convocatoria sen dar resposta ás dúbidas trasladadas fai un mes, malia contar ca información solicitada. Os termos nos que se está a desenvolver a súa tramitación non se corresponden cunha vontade real de apoiar ás viticultoras/es
O 10 de marzo o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas dirixiu un escrito á Consellaría do Medio Rural (CMR), solicitando resposta a varias cuestións relacionadas coa solicitude de colleita en verde para a Ribeira Sacra. Como advertimos nese momento, para tomar decisións as persoas viticultoras precisaban saber o importe que estaba previsto pagar por hectárea, cales ían ser os termos exactos da convocatoria e cal o procedemento para xustificar o acceso á mesma.
Estes datos xa obraban previamente en poder da Consellería, dado que se requiría o seu envío ao Ministerio de Agricultura para a propia solicitude por parte de Galiza da colleita en verde, pero nunca obtivemos resposta.
Hoxe, 9 de abril, atopámonos coa publicación no DOG da Orde de 4 de abril de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas á colleita en verde de viñedo de Galiza e se convocan para o ano 2025.
No Sindicato Labrego Galego, a estas alturas, alén da indignación pola actitude despótica que vén condicionando a xestión da crise de excedentes nesta Denominación de Orixe por parte da Consellaría do Medio Rural, sentimos unha fonda tristeza ao confirmar que no caso da Ribeira Sacra as actuacións propostas están feitas ás presas, sen entaboar comunicación co sector e, en definitiva, sen adaptarse á realidade.
Esta maneira de proceder, que caracteriza as actuacións da Consellaría dende o inicio desta crise fai xa practicamente un ano, provocan cada vez máis frustración e non axudan en absoluto a solucionar os problemas que temos. De feito, fan presaxiar o peor dos desenlaces: vai ser outro ano máis perdido para o viñedo da zona e, polo tanto, para as persoas viticultoras que veñen de ter que afrontar as perdas derivadas da imposibilidade de vender -ou vender a prezos de miseria- a colleita do 2024.
En primeiro termo, a convocatoria publicouse hoxe e o prazo remata nuns días, o 25 de abril, cos días inhábiles da Semana Santa polo medio, e sen ningunha información previa ás produtoras nin ás entidades que imos xestionar as solicitudes. Esta demora na publicación é inxustificábel, habida conta de que xa era sabido dende fai meses que ía ter lugar. Se se debeu ao descoñecemento por parte da CMR con respecto ao proceso, ben podían ter preguntado noutras comunidades autónomas do Estado que levan varios anos tramitando a colleita en verde. Non entendemos por que se atrasou tanto no caso galego.
Seguidamente, entre as cuestións que nos parecen moi graves e que reflicten o pouco coñecemento da realidade da que está facendo gala a Consellaría, podemos destacar as seguintes:
1. Para acceder ás axudas da colleita en verde establécese que a parcela de viñedo terá unicamente variedades de uva tinta. Sen embargo, non temos os datos de cantas parcelas teñen só variedades de uva tinta, e en moitos casos hai presenza residual de brancas -ou non tan residual-.
2. Tamén é preciso dispoñer da declaración da colleita da campaña vitícola. Pero se no ano 2024 houbo viticultores e viticultoras que malvenderon a uva a particulares ou quedou sen vendimar, descoñecemos que declaración de colleita van aportar.
3. A Orde establece que os datos para o cálculo da compensación pola perda de ingresos vanse extraer do “rendemento medio da parcela obxecto da axuda, considerando para o seu cálculo a media aritmética das tres derradeiras campañas vitícolas”. Descoñecemos de onde pensa sacar a Consellaría o rendemento medio da parcela, e no caso de que sexan consideradas as dúas últimas campañas, nas que xa houbo problemas de recollida de uvas por parte das adegas, resulta obvio que os importes a conceder non van aportar un apoio acorde cos impactos económicos que sufriu o sector produtor, polo que dificilmente será unha medida que implique un reforzo tal que permita sobrevivir á denominada viticultura heroica nos termos nos que a coñecemos actualmente.
Temos a sensación, xa que logo, de que esta convocatoria realízase para dar a impresión de que se está a facer “algo”, e non para tender verdadeiramente unha man ás viticultoras e viticultores. Todo fai prever que será un fracaso.
Dende o Sindicato Labrego Galego, a fin de tentar solventar na medida en que poidamos o limitado tempo no que se vai tramitar esta axuda, así como as carencias na súa concreción, elaboramos unha comunicación informativa que trasladamos no día de hoxe ás persoas produtoras da comarca, e que tamén difundiremos a través das nosas redes sociais.
Ante este preocupante panorama, vémonos na obriga de instar á Xunta de Galicia a abandonar a súa negativa a manter unha interlocución co sector e condenamos a súa irresponsabilidade. Solicitamos, unha vez máis, a convocatoria dunha Mesa do Viño con representación dos axentes do sector, onde podamos elaborar un plan integral de actuación para o sector vitivinícola galego que aborde as necesidades máis inminentes pero tamén actuacións a longo prazo que permitan verdadeiramente protexer a esta Denominación de Orixe.
Imaxe: Aldán Lareu