xinzotractorada250322

25/03/2022

Centos de tractores esixen nas rúas de Xinzo medidas urxentes para salvar o sector agrogandeiro da comarca

Unidade de acción para urxir a un cambio de modelo que poña fin á destrución das granxas e garanta a calidade dos alimentos. A Secretaria Xeral do SLG-CCLL animou a sumar forzas para acadar a Soberanía Alimentaria e a Soberanía Enerxética.

Centos de tractores secundaron na mañá de hoxe en Xinzo a mobilización convocada pola Asociación de productores da pataca, o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL), a Federación Rural Galega (FRUGA), Unións Agrarias (UUAA) e a Asociación de Empresarios, Gandeiros e Agricultores da Limia (ADEGAL) para demandar ao Goberno galego e estatal medidas inmediatas que freen o impacto da suba de custos no sector produtor.

O SLG instou a mudar o actual modelo, dependente da especulación de mercado e insumos do exterior, ao tempo que demandamos a posta en marcha por parte da Xunta de Galicia e do Goberno estatal das medidas presentadas polo sector a principios desta semana para comezar a frear a embestida de custos contra o sector agropecuario.

A Secretaria Xeral do Sindicato Labrego Galego-Comisións Galegas, Isabel Vilalba, deu comenzo á súa intervención lembrando as loitas históricas da Limia, recoñecendo ás gandeiras/os e labregas/os da comarca como unha referencia de loita e dignidade das persoas que producimos alimentos.

De seguido Vilalba denunciou “o estrangulamento das granxas provocado polo incremento de custos de produción e uns prezos á baixa dende fai trinta anos”, e lamentou a inoperancia actual das institucións públicas: “Señor Conselleiro, señor Presidente da Xunta, señor Ministro, señor Presidente do Goberno, parécelles que non son suficentes as actuais dificultades para pór medidas enriba da mesa? Necesitamos deixar de ser un pelota que se mandan dende Madrid para Santiago e dende Santiago para Madrid, precisamos que cada administracón active as súas competencias”.

A Secretaria Xeral do SLG criticou asemade o desprezo cara as labregas e labregos por parte dos gobernos, e lembrou que “aldeas xa temos, o que precisamos é poder vivir con dignidade nelas”. Chamou tamén a atención sobre o privilexiado trato que teñen sectores como o enerxético, que ademais funciona a base de especulación, en comparación a actividades económicas como a produción de alimentos, onde nin tan sequera se garanten prezos que cubran custos de produción. “Máis Soberanía Alimentaria, máis Soberanía Enerxética e menos políticos cobrando nos consellos de administración das grandes empresas enerxéticas e agroalimentarias”.

Vilalba concluíu a súa intervención instando ao Goberno galego a cumplir cas súas responsabilidades convocando un Gabinete de Crise e reivindicou o redeseño das actuais políticas agroalimentarias para adoptar modelos de produción agroecolóxicos, que protexen e melloran a calidade das terras, e avanzando cara á garantía do dereito á soberanía alimentaria para os pobos, é dicir, á producción labrega de alimentos de calidade nos nosos propios territorios.