15/03/2024
Centos de gandeiros/as e veciñanza impiden a marcaxe de 40 animais sans para sacrificio nunha granxa de Manzaneda
Acordan solicitar á CMR accións inmediatas en materia de saneamento, criterio de prevalencia e indemnizacións. Entre as demandas: xuntanza urxente ca CMR para abordar o baleirado sanitario. A marcaxe foi adiada para o vindeiro martes.
Arredor de 200 gandeiros, gandeiras e veciñanza da contorna xuntáronse esta mañá nunha concentración de apoio aos gandeiros afectados por un posible baleirado sanitario da súa granxa, ubicada na aldea de Palleirós (Manzaneda), onde hoxe estaba prevista a marcaxe de 40 animais sans para o seu sacrificio por parte da Xunta de Galicia.
Finalmente a marcaxe foi impedida, adiándoa o servizo veterinario da Xunta de Galicia para o vindeiro martes 19 de marzo. Durante a concentración tamén se aprobou unha batería de medidas urxentes a esixir á Consellaría do Medio Rural [adxunta e recollida ao final].
“Queremos denunciar que se quere sacrificar animais totalmente sans, simplemente por criterios propios dos Servizos Veterinarios Oficiais, simplemente por sospeitas de que poderían conter a enfermidade de tuberculose e sen mais criterios que a sua propia intuición. Pídese dende eiquí e agora a toda Administración que se esgoten todas as medidas previas de análise, estudios, etc.. antes de adoptar unha medida tan gravosa para unha explotación gandeira como é o baleirado sanitario”, demandou o responsábel do Sindicato Labrego Galego na comarca, Xosé Anxo Pérez Rúa.
Malia que a Administración galega ten marxe dentro da legalidade para facer as probas que determinen que animais está contaxiados ou non, malia as reiteradas solicitudes, a Consellaría do Medio Rural nunca quixo acceder a realizar máis análises e estudos que concretasen a existencia de propagación da enfermidade.
Xa que logo, a día de hoxe non sabemos se está de forma latente na cabana gandeira da propia explotación ou explotación lindeiras, se pode provir doutras especies distintas de vacún ou se está presente na fauna salvaxe, como o xabarín, o corzo, o teixugo, etc.. Denunciamos esta falta de rigor por parte dos Servizos Veterinarios Oficiais, que semellan preferir adoptar medidas que non impliquen máis esforzo que asinar papeis.
Por outra banda, advertiu Pérez Rúa, “non nos vale a escusa de que teñen que seguir os protocolos que lles impón o Ministerio, porque estes protocolos tamén din que permiten que se esgoten outras vías antes de adoptar medidas tan drásticas como o baleirado sanitario”.
Aliás, cómpre tamén sinalar que esta medida enmárcase na catalogación de prevalencia 0 na Galiza, pero, ao contrario do que sería lóxico, se esta granxa estivera noutras zonas do Estado onde si hai declarada prevalencia, só serían sacrificadas as que deron positivo. “Se esta explotación estivese a uns kilómetros de eiquí, en Zamora por exemplo, tan só se sacrificarían aos animais enfermos e aos animais sans fáiselles un seguimento pormenorizado. Polo tanto non se entende que con mellores niveis sanitarios, teñamos medidas moito máis drásticas e prexudiciais para os intereses das explotación. O lóxico sería que aquelas comunidades que non cumpren coas prevalencias mínimas tivesen medidas máis drásticas para chegar ao baremos medios sanitarios e neste caso ocorre xustamente o contrario. O mundo ó revés. Debemos de ser os tontos da película nas reunións sectoriais co Ministerio”, criticou o representante do SLG.
Ademais, malia que os propios servizos veterinarios oficiais estiman en 800 euros as perdas por animal sacrificado, estase percibindo unha media de só 600 euros por animal: “No intre de marcar aos animais por motivo dun sacrificio obrigatorio, que se van comercializar para consumo humano, os intermediarios aprovéitanse e vanse a malvender”.
Canda esta devalorización do gando, as prometidas indemnizacións da Consellería de Medio Rural -e que hai tramitar porque non cho dan de oficio-, teñen un máximo de 500 euros por vaca, que aínda se prorratea en función do prezo de venta do animal, e si hai seguro de explotación que cubra o saneamento gandeiro tamén se prorratea. É dicir, que moitas explotacións que teñan subscrito un seguro -excesivamente caros e inasumibles pola maioría das explotacións- non cobrarían nada de indemnización da Consellería de Medio Rural. “De tódolos xeitos, os 500 euros máximo por vaca que subvenciona a Xunta para repoñer a vaca sacrificada por un sacrificio obrigatorio son claramente insuficientes no contexto actual, que para comprar unha vaca os prezos superan os 2.000 euros”, concreta Pérez Rúa. En canto ao lucro cesante, se ben o período medio de inactividade das granxas e de arredor de dous anos, a indemnización da Xunta só cubre 6 meses.
Canda o cumprimento das medidas recollidas no acordo asembleario de hoxe ne Palleirós, o representante do SLG-CCLL pechou a súa intervención apelando tamén dun trato máis humán por parte da Consellaría para cas gandeiras e gandeiros cando se decreta un baleirado sanitario: “E por último e non menos importante, pídolle a todos os funcionarios da Administración unha maior sensibilidade, porque en todo este proceso que eu mesmo seguín, notei unha falta de empatía e unha frialdade absoluta con que se lles notifica un proceso tan doloroso tanto económico como emocional como é un vacío sanitario”.
ACORDO ASAMBLEARIO NO LUGAR DE PALLEIRÓS DO 15 DE MARZO DE 2024
Reunidos en Asemblea, produtoras e produtores de vacún de carne no lugar de Palleirós, concello de Manzaneda, o día 15 de marzo de 2024,
ACORDAMOS QUE A CONSELLERÍA DE MEDIO RURAL DEBE DE ADOPTAR ESTAS MEDIDAS URXENTES, E QUE A CONTINUACIÓN DE DETALLAN:
PRIMEIRO.- Pedimos unha reunión urxente co Conselleiro de Medio Rural.
SEGUNDO.- Solicitamos que non se sacrifiquen aos animais sans, sacrificándose tan só os animais oficialmente confirmados e realizar as investigacións oficiais pertinentes para establecer un criterio obxetivo e determinar deste xeito a existencia ou non da difusión das enfermidades de declaración obrigatoria.
TERCEIRO.- Esgotar todas as vías de control e de estudo dunha explotación antes de chegar a un ditame de baleirado sanitario.
CUARTO.- Non se entende que comunidades autónomas que cumpren cos niveis sanitarios de prevalencia teñan que adoptar medidas moito máis drásticas e lesivas para as explotacións que outras comunidades con niveis sanitarios de menor cualificación sanitaria. Polo que solicitamos a revisión da catalogación de prevalencia 0 en Galicia, debido a alta incidencia de tuberculose da fauna salvaxe.
QUINTO.- Que se volva a retomar o saneamento gandeiro anual.
SEXTO.- Que se incrementen os baremos de indemnización dos animais sacrificados a raiz dun sacrificio obrigatorio establecidos polos servizos veterinarios oficiais, para a reposición cando menos ao mesmo nivel de prezos estipulados noutras axudas como pode ser as indemnizacións por morte causadas por fauna salvaxe.
SÉPTIMO.- Que se incremente cando menos o período de lucro cesante ata os dous anos, que é cando a explotación volvería a ter ingresos por venta de becerros.
OITAVO.- Que as indemnizacións de reposición e de lucro cesante da Consellería de Medio Rural sexan complementarias coas indemnizacións do seguro de explotación de saneamento gandeiro.
NOVENO.- Erradicar a práctica da provocación de partos con oxitocina e a posterior morte de becerros recén nacidos para posteriormente ser recollidos pola empresa de recollida de cadáveres porque vai totalmente en contra da Lei de Benestar Animal.
Asinamos a presente no lugar de Palleirós, as 12:00 horas do día 15 de marzo de 2024.