
05/05/2009
Celebración de mercados transparentes o Día Internacional do Comercio Xusto
Sindicato Labrego Galego, Amarante, Arbore, A Gradicela, Emaus, Semente, e Verdegaia coordinarán a realización de MERCADOS TRANSPARENTES en distintos puntos da Galiza o vindeiro sábado 9 de maio, dende as 11:30 da mañá, co gallo da celebración do Día Internacional do Comercio Xusto.
Día internacional do comercio xusto 2009
Por primeira vez organizacións sociais, ecoloxistas, de solidariedade, consumidoras-es e labregas-os únense para demandar un comercio xusto
Lídia Senra Rodríguez, Secretaria de Organización do SLG e membro do Comité de Coordenación da Coordenadora Europea Vía Campesina canda a responsábel xeral de Amarante, Fernanda Couñago, na presentación dos actos do Día Internacional do Comercio Xusto, o martes 5 de maio en Compostela.
Oficina de prensa de Amarante: 05/05/2009
Co gallo do Día Internacional do Comercio Xusto e baixo o lema “Pola soberanía alimentaria, por un comercio xusto no norte e no sur” 7 organizacións que representan a asociacións de comercio xusto e solidariedade, ecoloxistas, cooperativas e grupos de consumo responsable e os labregos e labregas, únense para demandar un comercio xusto e denunciar as condicións de producción e o control dos prezos das grandes empresas que non garanten nin salarios dignos nin unha vida digna as persoas productoras. O sistema industrial agroalimentario que degrada o medioambiente e a falta de garantías de alimentos sans e saudables para as persoas.
REIVINDICAR O COMERCIO XUSTO COMO UN ACTO POLÍTICO
Ao igual que o 1 de maio é para os traballadores un día simbólico de loita polos dereitos das persoas traballadoras, queremos que o 9 de maio, día internacional do comercio xusto sexa un día no que reivindicar un marco internacional e local de comercialización baseado no respecto as persoas e ao medio ambiente, que teña como horizonte a xustiza social e a sustentabilidade ecolócixa.
Querendo fuxir de alguns estereotipos que contribúen a banalizar o comercio xusto, entendemos que o 9 de maio é un día para reivindicar do “outro mundo posible”, un mundo “non capitalista”.
UN “MERCADO TRANSPARENTE”
Os actos que terán diversos aspectos reivindicativos e lúdicos pivotaran sobre unha actividade central, o “mercado transparente” que se desenvolverá en cada unha das seguintes vilas galegas: Vigo, Pontevedra, Compostela, Ribadeo, A Coruña e Ourense. Pero, que é un MERCADO TRANSPARENTE:
O mercado transparente é confianza: pretendemos construír espacios de dialogo e coñecemento entre as persoas consumidoras e as productoras, creando lazos de confianza e de colaboración fronte aos de competencia e “seguridade oficiais”. Coñecer quen produce o que comemos, a súa realidade e os seus custes de produción.
O mercado transparente é xustiza: labregos e labregas galegas amosan o prezo de produción dos distintos produtos tanto frescos como elaborados así como as organizacións de comercio xusto mostrarán os prezos que se lle pagan as organizacións produtoras. De esta forma, os asistentes poderán comprobar a diferencia entre existente entre os produtos na orixe e o que as grandes areas cobran aos consumidores e consumidores profundizando nun sistema neoesclavista nos países do norte e do sur.
Así temos como por un kilo de cacao de comercio xusto se lle paga ós produtores 2,63 dólares; namentres cos intermediarios das grandes multinacionais chegan a pagar 0,87 dólares por cada kilo en Ecuador1
O mercado transparente é sustentabilidade: comercializamos produtos de tempada e comercializados na distancia máis curta posible. Aqueles produtos que non se producen nas nosas latitudes contan coas garantías de produción do comercio xusto, como o café ou o cacao. Denunciamos que actualmente cada bocado que levamos a boca percorreu antes de estar no noso prato 2.400 km2. O consumo enerxético derivado de este feito contribúe a que a nosa pegada ecolóxica estea xa por enriba dos 3 planetas3 (é dicir, que precisariamos 3 planetas se todas as persoas viviran co noso modelo de consumo insostible).
O mercado transparente é desenvolvemento rural: asistirán persoas do rural que deciden quedar no rural para vivir con dignidade e alimentar aos seus conxéneres. Denunciamos un modelo de subdesenvolvemento do rural baseado no desmantelamento dos servicios públicos, na desaparición da cultura labrega e da súa identidade que fixo que por primeira vez en 2008 a poboación urbana do planeta superara a rural.
O mercado transparente é soberanía alimentaria: denunciamos o escaso acceso a terra así como a obriga da produción para a exportación nos países do norte e do sur no marco da suposta economía de libre mercado. Cando os pobos xa non poden obter alimentos sans e culturalmente axeitados da súa terra por estar sometidos ao xugo de intereses comerciais e financeiros a soberanía alimentaria presentase como a única saída emancipatoria.
O mercado transparente é seguridade alimentaria: aquí as persoas labregas poden producir, elaborar e comercializar o seu propio produto sen pasar pola industria. Fora do mercado transparente está un modelo agrícola homoxeneizador e industrializador que penaliza estas prácticas. Convén polo tanto lembrar que a industria é a causante das crises alimentaria e sanitarias como as “vacas tolas” a “gripe aviar” ou a recente “febre porcina”, non as persoas labregas.
ACTOS CENTRAIS DO DÍA INTERNACIONAL DO COMERCIO XUSTO 2009
Organizados por Amarante, Arbore, A Gradicela, Emaus, Semente, Sindicato Labrego Galego e Verdegaia realizaranse MERCADOS TRANSPARENTE e outras actividades nos seguintes puntos:
- A Coruña. Praza do Obelisco
- Compostela. Praza 8 de marzo ( Rúa de San Pedro )
- Ourense. Praza Maior
- Pontevedra. Praza de Curros Enriquez
- Ribadeo. Os Cantóns ( Praza de España )
- Vigo. Gran Vía (A altura da Rúa Venezuela)
Os horarios serán de maña, salvo Ourense e Compostela que realizaran actividades ao longo de todo o día. No caso de Compostela as actividades coinciden coa feira da primavera que coma tódolos anos organiza a asociación de veciñ@s A Xuntanza.
1 Amarante – Área de comercio xusto
2 Bill McKibben, “Small World, Why on amall town stays unplugged” 2003. p 47
3 Serge Latouche. “La apuesta por el decrecimiento”
Fernanda Couñago (Asociación de ecodesenvolvemento Amarante):
660 233 481
Lidia Senra (Sindicato Labrego Galego):
609 845 861
Xan Duro (Asociación ecoloxista Verdegaia):
622 033 665