090724-2

09/07/2024

Campaña informativa “Polo Futuro da Tenreira Suprema e da Gandaría en Extensivo” e degustación para alertar sobre a industrialización da IXP Ternera Galega

Precisamos alianzas entre persoas produtoras e consumidoras para defender o modelo labrego de produción de alimentos. Gandaría extensiva: calidade diferenciada, benestar animal, melloras medioambientais e da sostibilidade das nosas granxas

Na mañá de hoxe o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) levou adiante unha xornada divulgativa e de denuncia dos cambios operados no prego de condicións da Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Ternera Galega/Vaca galega-Boi galego que obriga a acortellar os xatos que se sacrifiquen dende os 8 meses de idade, deixando fóra da marca a todos os xatos que rematan a súa alimentación ao aire libre.

Dando continuidade á campaña “Polo futuro da Tenreira Suprema e da Gandaría en Extensivo”, as persoas que se achegaron pola Praza de Abastos de Santiago de Compostela entre as 12h e as 14h coñeceron a través das intervencións do gandeiro Samuel Formoso, o noso vogal na IXP Ternera Galega; o gandeiro Xosé Carracedo, que fixo a conversión a pasto na súa granxa e a nosa Secretaria Xeral, a gandeira Isabel Vilalba, como foi o proceso de modificación deste prego de condicións e por que este cambio supón unha industrialización da Indicación Xeográfica Protexida que á vista dos argumentos da propia IXP, ten o obxectivo de dar resposta á tendencia á homoxeneización da industria cárnica.

090724Compostela

Ademais, as persoas que se achegaron, moitas delas turistas doutros países, tamén puideron degustar solombo de boi á prancha, miniburguer de boi e tacos mexicanos de agulla de boi nun menú cociñado por Moixo, toda ela carne de produción en extensivo en base a pasto dunha granxa de Allariz afiliada ao Sindicato Labrego, comprobando de primeira man a súa extraordinaria calidade.

090724

090724-2

En maio deste ano a IXP Ternera Galega, vaca galega e boi galego publicou modificacións no seu prego de condicións que implican para a IXP Ternera Galega Suprema a obriga de acortellar en recintos pechados e alimentar en base a penso e concentrados os xatos que se sacrifiquen con máis de 8 meses de idade. Dende o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas opoñémonos a esta modificación porque deixará fóra da marca a todos os xatos maiores de 8 meses que rematan a súa alimentación cas súas nais ao aire libre.

As persoas consumidoras teñen unha imaxe de marca positiva de distincións como Ternera Galega ou Ternera Galega Suprema estreitamente vinculada ás condicións de benestar animal e calidade propias da gandaría extensiva, na que os animais pacen ceibes. Con este cambio nas condicións da IXP a industria dos cebadoiros aprópiase deste prestixio conseguido co bo facer labrego, ao tempo que se dificulta a supervivencia do modelo familiar. A obriga de pechar o gando e darlle alimentación procesada terá un impacto negativo especialmente destacado na viabilidade económica das pequenas e medianas granxas, que deberán gastar máis en alimentación e en moitos casos construír novas infraestruturas.

Dende o SLG consideramos moi grave que unha ferramenta creada para distinguir a produción de calidade discrimine ás pequenas e medianas granxas que optan pola gandaría en extensivo, valiosísimas coidadoras do territorio que melloran a rexeneración dos pastos e da calidade dos solos -así como do seu aporte como captadores de CO2- e son imprescindíbeis para o mantemento dun medio rural vivo.

É tamén rechamante que esta modificación vaia na liña contraria do obxectivo europeo de acadar un 25% de superficie agraria útil en ecolóxico para o ano 2030, esta modificación obrigará ás ganderías ecolóxicas adscritas ao Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (CRAEGA) a elixir entre esta certificación ou a da IXP -en lugar de poder ter as dúas como arestora-, ao non permitirse en gandaría ecolóxica a alimentación en base a concentrados e ao atopárense moitas delas en espazos naturais con limitacións para a construción de infraestruturas.

Dende a creación da IXP os animais alimentados con herba e lactancia sempre cumpriron os indicadores de engraxamento requiridos e esta alimentación mellora a presenza de ácidos graxos saudábeis na carne como o Omega3. Por outra banda, estudos científicos destacan que cuestións máis aló da alimentación, como o tratamento que se dá aos animais nos matadoiros, son un factor que modifica de xeito salientábel a dureza e PH da carne da carne, polo que no caso de considerar que se debe mellorar indicadores de engraxamento sería posible abordar medidas relacionadas ca mellora do benestar animal no proceso de sacrificio.

Tamén poder estender os meses de lactancia criados ao aire libre ca súa nai e cun destete máis natural proporciona un claro benestar para os becerros e as vacas, e os animais alimentados en base a herba e criados ao aire libre amosan unha maior resistencia ás enfermidades e un menor consumo de medicación veterinaria.

No tocante á calidade da práctica profesional das gandeiras e gandeiros, alimentar o gando de xeito natural reduce as horas de traballo e custos, e mellora a sostibilidade das granxas, por exemplo ao non ter que consumir plástico de ensilado ou poder substituír abonos químicos por naturais.

Dende o SLG témolo claro, a alimentación en base a pasto proporciona carne de calidade diferencia ás persoas consumidoras, mellora as nosas condicións laborais e o benestar animal e é unha ferramenta fundamental para o coidado do medio ambiente. Ademais de actos informativos enmarcados na campaña “Polo futuro da Tenreira Suprema e da Gandaría en Extensivo” levaremos adiante accións legais para frear esta industrialización da IXP Ternera Galega.

090724-1