
24/03/2025
Bizkaia e Navarra acollen a primeira visita técnica da Rede de Impulso á pequena Transformación Alimentaria (RITA)
ARCA, Germinando, Extremadura Alimenta, Sindicato Labrego Galego, SEAE e o Instituto de Sociología y Estudios Campesinos (Grupo PAIDI SEJ179) da Universidad de Córdoba son as entidades impulsoras desta Rede.
Co apoio da Fundación Daniel e Nina Carasso, a ‘Rede de Impulso á Pequena Transformación Alimentaria’ (RITA) pretende fomentar, consolidar e mellorar a viabilidade de pequenas iniciativas de produción, transformación e comercialización de alimentos.
Bizkaia e Navarra acollerán os días 25 e 26 de marzo a primeira visita técnica que realizará a Rede de Impulso á pequena Transformación Alimentaria (RITA). De recente creación, o obxectivo desta rede -da que no Sindicato Labrego Galego formamos parte xunto a ARCA (Associació d’Iniciatives Rurals i Marítimes de Catalunya), Extremadura Alimenta, Germinando, SEAE (Sociedad Española de Agricultura Ecológica y Agroecología) e o ISEC-UCO (Instituto de Estudios Campesinos da Universidade de Córdoba)- é favorecer un ecosistema de apoio para quen transforma alimentos a pequena e mediana escala, e mellorar o acceso da poboación a alimentos saudábeis e de calidade, respectuosos co medio ambiente e xustos coas persoas que os producen e o desenvolvemento socioeconómico do medio rural.
A visita técnica comezará o día 25 no municipio Urduña (Bizkaia). Alí atópase localizado Belardi, un centro de transformación cárnica colectivo inaugurado no mes de setembro de 2024 tras un longo proceso de investigación-acción participativa para definir unha estratexia que permitise mellorar a rendibilidade dos casaríos e fomentar a substitución xeracional.
Despois de máis de 10 anos, o tesón e o compromiso das 42 familias socias da asociación Bedarbide conseguiron facer realidade este proxecto para a construción dun obradoiro colectivo de pequena escala composto por un matadoiro multiespecie, unha sala de despece, un obradoiro de elaborados cárnicos, unha cociña para produtos de 5ª gama e unha sala de formación.
Coa posta en marcha desta instalación, as produtoras e os produtores poderán apropiarse do valor engadido ligado á finalización dos animais de pasto, que até o de agora saían a cebadoiros intensivos, mediante a obtención e comercialización dos produtos cárnicos, o que incidirá no aumento da rendibilidade das granxas de gandería extensiva.
Ao día seguinte, a visita trasladarase até a localidade navarra de Etxarri-Aranatz onde está situada Kalaska, unha iniciativa colectiva de transformación de carne local que se atopa en fase de posta en marcha. Impulsada por unha agrupación de gandeiros e gandeiras e o Grupo de Acción Local da comarca de Sakana, o proxecto céntrase na posta en marcha do obradoiro anexo ao matadoiro, ao mesmo tempo que, con iso, dinamizarase e revitalizará o matadoiro.
Kalaska quere ofrecer un servizo integral, compasando a dinámica do matadoiro e do obradoiro, ademais de tecer alianzas con potenciais usuarios das instalacións, consumidoras e consumidores e axentes do territorio co obxectivo común de avanzar cara a unha alimentación máis territorializada.
Sobre a ‘Rede de Impulso á Pequena Transformación Alimentaria’ (RITA)
A innovación e a relocalización son aspectos fundamentais para a viabilidade de pequenas e medianas empresas e persoas que se dedican á transformación de alimentos. Obradoiros compartidos, pequenos matadoiros e salas de despece e outro tipo de instalacións adaptadas a procesos artesanais e a pequena escala son iniciativas innovadoras e, en moitos casos, pioneiras para o desenvolvemento sostíbel do sector da pequena e mediana produción.
Estas prácticas innovadoras abordan importantes aspectos técnicos, pero tamén aspectos sociais ou de xestión e gobernanza que son necesarios, entre outras cuestións, para ofrecer unha alimentación saudábel, conseguir prezos xustos ou influír positivamente no emprego rural.
A RITA quere favorecer o desenvolvemento profesional, cultural e económico de iniciativas ligadas á transformación de materias primas producidas nas propias granxas ou leiras e a súa comercialización, ben sexa directa ou a través de canles curtas.
Para facilitar este proceso, as entidades impulsoras da RITA preparan unha serie de actividades que lles permitirán co-xerar coñecemento sobre aspectos clave relacionados coa viabilidade e sostibilidade da pequena transformación alimentaria, como son a flexibilización dos requisitos hixiénico-sanitarios, a xestión ou a gobernanza de infraestruturas compartidas. Este coñecemento verase plasmado en recomendacións, guías e outra serie de recursos de utilidade para o sector agroalimentario. Estarán accesíbeis nunha web que pretende converterse nunha referencia a escala estatal.
Coas diferentes accións do proxecto, a RITA busca facilitar a replicabilidade e o desenvolvemento destas innovacións na transformación de alimentos a pequena e mediana escala; mellorando a viabilidade e incorporación no sector e fomentando o acceso da poboación a alimentos sans, xustos e sostíbeis.
RITA conta co apoio e acompañamento da Fundación Daniel e Nina Carasso a través do seu eixo Alimentación Sostíbel, contribuíndo á transformación da sociedade cara a un modelo máis ecolóxico e inclusivo e un desenvolvemento en plenitude.