baleirado

12/02/2024

Baleirado sanitario: un prexuízo económico e emocional para as explotacións gandeiras

O SLG-CCLL demanda medidas de apoio para as persoas gandeiras que teñen que facer fronte a un baleirado sanitario. Facemos público o caso dunha granxa de Manzaneda (Ourense), que terá que asumir perdas superiores aos 32.000€

Segundo a Consellería de Medio Rural da Xunta de Galicia, a doenza da tuberculose bovina está totalmente controlada, cunha prevalencia do 0,1%. Cando se produce un destes casos, comunidades autónomas próximas á Galiza adoptaron dende hai tempo medidas profilácticas para as explotacións, ao considerar que era imposible erradicar a tuberculose bovina, prefirindo manter unha cualificación sanitaria inferior, e deste xeito eliminar tan só aos animais afectados e evitando a morte innecesaria dos animais sans, provocando unha perda económica menos gravosa e emocionalmente máis levadeira.

A Xunta de Galicia, pola súa banda, malia ser consciente de que non existe a total eliminación da doenza da tuberculose, ordena un baleirado sanitario.

A posibilidade dun baleirado sanitario é unha das cuestións que maior preocupación xera na meirande parte de persoas gandeiras. A calquera granxa lle pode pasar e en calquera momento, inda que se cumpran tódalas medidas hixienico-sanitarias. Neste caso, a doenza da tuberculose está aí, encapsulada, de forma latente, e unhas condicións ambientais favorables poden desencadear o seu desenrolo.

Esta traxedia estalles a acontecer estes días a uns gandeiros do concello de Manzaneda e as risas e as troulas destes días de Entroido non lles está a levantar o ánimo, porque saben que a perda económica e emocional é importante. Toda a ilusión e os aforros dunha vida invertidos nunha explotación de vacún de carne de alto rendemento esvaécense nun abrir e pechar de ollos.

O cálculo dun baleirado sanitario de toda a explotación supón un prexuízo económico importante, estimándose unhas perdas de 800 euros por cada animal sacrificado. No caso desta granxa de Manzaneda ascenderán a uns 32.000 euros, e as axudas prometidas e reposición e lucro cesante non cobren a perda total da explotación, sendo a eliminación de todo o gando da explotación de obrigado cumprimento.

Ao mesmo tempo, as persoas titulares das granxas deben de ocuparse elas soas de repoñer animais con cualificación sanitaria apta, volvendo a adaptar os animais novos ao manexo da granxa, e logo agardar unha media de 2 anos para ter a explotación a pleno rendemento.

Isto xunto coa falta de empatía e sensibilidade dos funcionarios da Administración na toma de decisións e a frialdade con que se lles notifica un Baleiro Sanitario enfurece aínda máis aos afectados, que se ven sós e impotentes ante esta situación, coa perda de todos os animais que forman parte da familia dende hai moitos anos e que lles vai a supor unha perda económica importante.

Nun sector no que os prezos xa non cobren os custos de produción, e no que as subvencións da Política Agraria Común (PAC) que axudaban a paliar esta situación estanse vendo cada vez máis mermadas e cunha burocracia que afoga ás persoas titulares das explotacións, este tipo de situacións contribúe a incrementar o abandono da actividade agrogandeira e desalenta o relevo xeracional.

Dende o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) consideramos que a Xunta de Galicia debería activar medidas de apoio as gandeiras e gandeiros afectados que permitan repoñer os animais sen custo para estes, e que deste xeito se recuperen o máis rápido posible evitando no posible os prexuízos causados. Tamén demandamos unha maior sensibilidade e empatía por parte da Administración para facerse cargo do duro que é para as gandeiras e gandeiros recibir unha notificación de baleirado sanitario, persoas que se ven soas e impotentes, coa perda de todos os animais que forman parte da familia dende hai moitos anos e que lles vai a supor unha perda económica moi importante que pode comprometer as súas vidas.