ehe 3 febreiro

03/02/2025

Axudas EHE: solicitamos exhaustividade no cómputo e cobertura total de gastos

Sobre todo no primeiro momento, houbo moitos casos que non se comunicaron debido á falta de información ás gandarías. Reiteramos a necesidade de cubrir o lucro cesante e a totalidade de gastos veterinarios nos que tiveron que incorrer as granxas

A RESOLUCIÓN do 30 de decembro de 2024 pola que se regula o procedemento de concesión de subvencións directas destinadas a compensar os prexuízos económicos producidos pola enfermidade hemorráxica epizoótica en Galicia confirma as sospeitas con respecto a falta de exahustividade e limitacións na cobertura manifestadas polo Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas cando foron anunciadas en outubro do pasado ano.

O procedemento agrava a carga burocrática nas explotacións -ao ter que presentar datos que xa obran en poder da Administración-, implica atraso nos pagos -dados os prazos de tramitación da orde- e establece uns requisitos para cobrar polos animais enfermos que non se axustan á situación real que houbo nas granxas, dificultando unha equitativa percepción das axudas.

De feito, o primeiro que hai que destacar é que houbo moitos casos que non se comunicaron porque a xente non sabía como debía actuar ou estaba mal informada. Sobre todo ao principio, en provincias como Ourense había a información moi escasa, polo que hai moitos positivos que non foron notificados. Inicialmente porque non se sabía moi ben que facer, e ao longo do pico de incidencia porque non houbo información suficiente por parte dos servizos comarcais en moitos casos. No SLG tamén temos casos constancia de casos que se comunicaron verbalmente na Extensión Agraria pero non aparecen no listado publicado na resolución das axudas.

Aliás, son numerosos os erros detectados nesta lista, polo que a nosa equipa xurídica elaborou formularios de alegación tanto para os datos incorrectos como para as exclusións, reclamacións que xa estamos xestionando nos nosos locais comarcais.

Por outra banda, ao seren calculadas as indemnizacións en base ao número de cabezas de gando das granxas nas que os servizos veterinarios oficiais identificaron positivos, aquelas de maior dimensión, inda que tiveran só un caso, van percibir importes máis altos que as medianas e pequenas que puideran ter tido máis vacas afectadas e, polo tanto, incorrer en máis gastos e lucro cesante.

Consideramos que a Consellaría do Medio Rural debería impulsar a realización de probas nas granxas que concreten a porcentaxe de gando afectado nas mesmas, a fin de garantir un reparto máis xusto dos importes. Igualmente, esta prospección pode ser tomada como referencia para identificar o gando xa inmunizado, racionalizando os custos e complicacións no manexo que require a vacinación.

Ademais, cubrir só os casos nos que se sangrasen aos animais e desen positivo é descoñecer, ou obviar, as situacións ás que se tiveron que enfrontar as gandarías durante os meses de maior incidencia da enfermidade, comezando polo feito de que no seu día o persoal veterinario oficial non daban chegado ás granxas para sangrar e as persoas gandeiras moitas veces víronse obrigadas a recorrer aos clínicos como puideron, ao que hai que engadir os atrasos nos laboratorios.

Cumpriría ter en conta tamén que, logo dun durísimo verán para as granxas de vacún, a día de hoxe hai gando que quedou significativamente afectado logo de pasar a enfermidade, así como novos positivos, polo que a estratexia para axudar a facer fronte á EHE debería estar activa todo o ano, non limitarse a animais afectados até o 5 de decembro do 2024.

Como reivindicou o sector nas mobilizacións lideradas polo Sindicato Labrego Galego o pasado verán, esiximos polo tanto que as axudas cubran o 100% dos gastos veterinarios e calquera gasto directo e indirecto xerado por mor do coidado prestado ao noso gando enfermo, para o que a Consellaría debería de establecer un maior número de mecanismos cos que as gandeiras e gandeiros podan xustificar os casos.

Solicitamos a cobertura do lucro cesante tanto dos animais que morreron como de aqueles aos que lles quedaron secuelas derivadas da enfermidade, ou danos provocados de xeito indirecto pola mesma, como pode ser pagar o lucro cesante por mor de xatos falecidos por mor da enfermidade da nai.

Tamén, antes de que suban as temperaturas e, polo tanto, a presenza do mosquito vector da EHE, consideramos importante o reforzo dos servizos veterinarios da Xunta de Galicia, a fin de dar resolto e visitado do xeito máis áxil posible as granxas afectadas.

Por último insistimos na pertinencia da creación por parte da Xunta de Galicia dunha mesa de traballo permanente para establecer estratexias eficaces antes as dificultades que o cambio climático está a provocar nas granxas.