Lobo

05/11/2013

Ataques de lobos ao pé das casas causan graves prexuízos ás explotacións gandeiras do Macizo Ourensán

O pasado 1 de novembro, ás 0:20 horas, o gandeiro Ángel Rivas Peña sentiu ruídos nunha finca cercada que ten a escasos 30 metros do seu domicilio no lugar de A Teixeira (parroquia de Escuadro, Maceda). Atopou un becerro morto e un lobo comendo nel. Ao tentar asustar ao lobo, o animal se lle arrepuxo, polo que foi até a casa a por unha escopeta para disparar ao aire e disuadir ao depredador. Aínda que o lobo fuxiu, ao volver ao día seguinte á finca xa devoraran ao becerro case por enteiro.

Este non é o primeiro caso de ataques de lobos na zona, xa que existe superpoboación deste predador e, ante a falla de presas naturais, van buscar o alimento cada vez máis ás explotacións gandeiras e aos propios núcleos habitados, poñendo en perigo mesmo a integridade física das persoas que habitan o rural ourensán. Por parte da Xunta, o de sempre: se Ángel quere ter dereito a unhas insuficientes indemnizacións que poderá cobrar dentro dun ano, con sorte, terá que comezar un complexo proceso burocrático que nunca pagará outros danos colaterais que está a causar a falla de control sobre a poboación do lobo no Macizo Ourensán. Un bo exemplo das secuelas indirectas que teñen os ataques dos lobos son os cadros de estrés no resto dos animais da facenda; ese estrés, moitas veces remata en abortos das vacas afectadas e, consecuencia disto, en casos de mamite e outras doenzas relacionadas directamente co medo aos depredadores e coa perda da cría.

O Sindicato Labrego Galego xa ten denunciado que o da fauna salvaxe é un problema de orde xeral que afecta a toda a cidadanía e que non para de medrar. Diante disto, as actuacións da Xunta limítanse a un sistema de compensacións manifestamente escaso e inútil, e a unha inexistente política de control da fauna salvaxe. Ademais, os territorios cinexeticamente ordenados (Tecores), nos que hoxe recae parte da responsabilidade á hora de indemnizar os danos causados pola fauna salvaxe, estanse a amosar totalmente impotentes tamén á hora de manter controlada a poboación destas especies.