Lugo13s

13/09/2024

Ata que haxa medidas reais de apoio, as viticultoras e viticultores da Ribeira Sacra seguirán en pé de loita

Máis de medio milleiro de persoas, moitas delas viticultoras a título principal, seguen sen saber se van cobrar polo seu traballo. A CMR non convocou ao SLG para a xuntanza con organizacións agrarias desta mañá, e cancelou a que propuxera para o mércores 18

Viticultoras e viticultores da Ribeira Sacra mobilizáronse na mañá de hoxe diante das dependencias da Consellaría do Medio Rural (CMR) en Lugo en demanda de medidas realmente efectivas para que aquelas persoas produtoras ás que lles quede a uva sen recoller teñan unha compensación económica que cubra, como mínimo, os custos de produción nos que incorreron durante todo o ano. Tamén se procedeu a rexistrar na CMR un escrito con medidas concretas a aplicar para paliar a crise de excedentes na Ribeira Sacra.

A mobilización desta mañá estaba convocada inicialmente por Unións Agrarias (UUAA) e o Sindicato Labrego Galego (SLG). A Consellaría ofreceu esta semana unha xuntanza a todas as organizacións para o vindeiro mércores 18, que aceptamos, dado que é precisamente o que vimos pedindo dende o principio, pero mantivemos a mobilización. UUAA descolgouse, e a Consellaría ofreceulle unha xuntanza para hoxe mesmo. A continuación no SLG recibimos un correo da CMR cancelando a reunión do mércores.

Dende o SLG lembramos á Xunta de Galicia que as mobilizacións da traballadoras e traballadores son unha ferramenta lexítima nos países democráticos, e baixo ningún aspecto poden ser “mercadas” a cambio de que a Administración pública cumpra con que é precisamente o seu deber: manter un diálogo cos axentes implicados a fin de establecer solucións.

A crise de excedentes desta denominación de orixe é coñecida dende fai tempo. O sector produtor leva pedindo medidas para afrontar a presente campaña dende fai meses. Pero estamos en plena vendima e a Consellaría leva semanas enredando a charlar. Tanto, que fai un mes ata a Conselleira lle dixo ao Sindicato Labrego Galego que todo estaba resolto. Pero non.

Logo asistimos a unha posta en escena de anuncio de medidas (inda non publicadas en ningures, polo tanto inexistentes) por parte da CMR, que ademais de insuficientes concretaríanse inda dentro de moitos meses despois de que teña lugar a vendima.

E así chegamos ao 13 de setembro, con centos de persoas que non saben se van ter que abandonar a súa produción. Que a xestión da Consellaría ca presente vendima da Ribeira Sacra pódese cualificar canto menos de lamentable é xa unha obviedade.

Na Denominación de Orixe Ribeira Sacra -a única existente en Lugo de viño-, arredor de 1.400.000kg de uva tinta van quedar sen vendimar este ano porque as adegas teñen excedentes de viño e non queren recoller máis uva ás produtoras.

Isto afecta de xeito directo a arredor de 600 persoas que traballaron todo o ano na viña e que agora non teñen quen lles merque a uva, persoas que teñen a viticultura como o seu medio de vida.

O ano pasado a uva nesta DO mercouse a aproximadamente 1,50€, tendo en conta que a súa produción ronda o millón e medio, os ingresos a deixar de percibir pola poboación asentada na comarca sería de 2.250.000€ aproximadamente. Esta significativa perda de capacidade adquisitiva estenderá a súas consecuencias a multitude de postos de traballo indirectos, dende o comercio e a restauración até as tendas especializadas. O impacto tamén vai ser moi importante no sector turístico. A Ribeira Sacra ten como sinal de identidade os bancais con vides. Se non hai recollida de uva, en boa medida vanse abandonar esas terras tan difíciles de traballar, desdebuxando a paisaxe que confire a identidade cultural da comarca.

Así as cousas, até que se proceda á publicación de medidas no DOG e, polo tanto, se concrete exactamente que tipo de actuacións, cando e con canto orzamento vai actuar a Xunta de Galicia para paliar unha crise de excedentes que, máis aló do descenso mundial no consumo de tintos, evidencia unha nefasta xestión institucional e administrativa pola súa parte, o sector seguirá con mobilizacións.

Reiteramos as nosas demandas á Consellería de Medio Rural:

  • Axudas directas para as persoas viticultoras que non teñen quen lles recolla a uva.

  • Mesa de traballo para activar máis medidas na presente campaña e para deseñar estratexias que protexan a do vindeiro ano e seguintes.

Imaxes e vídeos da concentración celebrada esta mañá na Consellaría do Medio Rural (Lugo): https://www.dropbox.com/scl/fo/au3q7n5j6fhq7s22xdiwm/AACPcoASDMD_sVZWhS4Gx24?rlkey=1x4qqvvdsvqu8ejjo8f2u58sm&st=6d2tta08&dl=0