asgaded

05/02/2025

ASGADeD apoia a concentración do luns 10 de febreiro na defensa do sistema público de atención ás persoas dependentes

A Asociación Galega na Defensa do Sistema Público de Dependencia e Discapacidade (ASGADeD) traslada o seu apoio á concentración que vai ter lugar o LUNS 10 DE FEBREIRO dende as 11h. diante da Xunta de Galicia (San Caetano, Santiago de Compostela) na defensa do sistema público de atención ás persoas dependentes.

[Comunicado de prensa da ASGADeD]

Sumámonos así ás reivindicacións das organizacións Comisións Obreiras (CCOO), Colexio Oficial de Traballo Social (COTS) e o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL), entidades convocantes.

Coincidimos na fonda preocupación ante o anuncio das modificacións en materia de atención á Dependencia vinculadas á Lei de medidas fiscais e administrativas que acompaña ao Proxecto de Orzamentos da Xunta de Galicia para 2025, que supoñen un claro retroceso na atención ás persoas dependentes e vai restrinxir a participación da sociedade civil no eido dos servizos sociais. Con esta Lei a Xunta dá novos pasos na transformación do sistema de dependencia nun Sistema de Beneficiencia Low Cost, afastándose cada vez máis do espírito de calidade e universalidade na atención á dependencia que precisamente caracteriza á Lei de Dependencia.

O sarillo burocrático que predomina no actual proceso de tramitación da solicitude e resolución da Dependencia non se vai resolver coas medidas propostas pola Consellería de Política Social, pois non abordan a súa principal causa, que non é outra que a escaseza de persoal técnico nos equipos de valoración.

Ademais, ao eliminar o Informe Social, é dicir, a valoración diagnóstica profesional, debilítase o papel dos e das traballadores sociais e se compromete a calidade da atención, o que vai dar como resultado un retroceso claro nos dereitos da cidadanía, aumentando o risco de discriminación e desigualdade, dado que este informe é unha peza clave para ter a información detallada da situación social, familiar e rede de apoio, así como dos recursos dispoñibles, datos básicos para unha correcta valoración da dependencia.

Por outra banda, elimínase o necesario Informe de Saúde da persoa dependente, e a Xunta non aclara quen e como vai conseguirse esa información esencial para o correcto coidado da persoa dependente.

Consideramos tamén unha falta de responsabilidade totalmente inxustificable que a conselleira de Política Social, Fabiola García, leve meses sen respostar á solicitude de xuntanza realizada no mes de novembro do 2024 polas citadas organizacións convocantes da mobilización do vindeiro luns 10 de febreiro, todas elas integrantes do Consello Galego de Benestar Social (CGBS).

A nosa asociación, ASGADeD, ten como un dos seus obxectivos principais avanzar na construción dun forte movemento social amplo, plural e transversal, que mobilice á sociedade galega e lles exixa ás administracións públicas (sobre todo á autonómica e á estatal, mais tamén á municipal), un compromiso real para conseguir a creación duns servizos sociais da dependencia e discapacidade de calidade, que cubran as necesidades reais das persoas dependentes e que, ademais, se caractericen por ser de financiamento, titularidade, xestión e provisión 100% públicas.

Por todos estes motivos apoiamos a concentración que vai ter lugar o LUNS 10 DE FEBREIRO dende as 11h. diante da Xunta de Galicia (San Caetano, Santiago de Compostela) na defensa do sistema público de atención ás persoas dependentes.