26/06/2024
Asamblea informativa sobre os impactos dos grandes viñedos na comarca da Ulla
Xoves 27 de xuño, ás 20.30h., na Casa da Estación de Santa Cruz de Ribadulla (Vedra). Varias industrias vitivinícolas instaláronse na comarca. As consecuencias medioambientais preocupan á veciñanza
A comarca da Ulla está sendo nestes últimos anos obxecto de interese por grandes industrias vitivinícolas que veñen adquirindo grandes extensións de terras, moitas delas que nunca foran adicadas á plantacións de vides senón a dirixidas a outras producións alimentarias, a fin de expandir a súa produción.
A proximidade ás vivendas destas novas plantacións leva tempo suscitando preocupación entre a veciñanza, que xa comeza a percibir un deterioro das condicións medioambientais da súa contorna, derivada de cuestións como a aplicación intensiva de sulfatos ou a propia deformación da oreografía orixinal operada por estas empresas para adaptar o territorio ás necesidades das plantacións de viñedo.
A fin de analizar esta situación en profundidade, mañá, xoves 27 de xuño, a partir das 20.30h. o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) desenvolverá unha xornada informativa na Casa da Estación de Santa Cruz de Ribadulla (Vedra).
Na mesma exporán as súas experiencias Lídia Senra, labrega agroecolóxica de Vedra; Natalí González e Jesús Santamarina, da Plataforma Si a un Rural Vivo e José Pereira da Plataforma pola Regulación de Sulfatos no Salnés.
Con esta xornada informativa o SLG-CCLL enceta unha campaña de denuncia e visibilización do acaparamento de terras agrarias nas comarca da Ulla, que terá continuidade en vindeiros actos informativos e reivindicativos.