camprb

28/09/2024

As viticultoras e viticultores da Ribeira Sacra achegarán mañá a Alfonso Rueda as súas reivindicacións

O Sindicato Labrego convoca concentración mañá, domingo 29 de setembro, ás 12h. diante do Hotel Pazo de Sober. Nos temas a tratar no seu “retiro”, o presidente da Xunta non contempla as axudas directas ás persoas produtoras da RS

Esta fin de semana o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, está de retiro con membros do goberno no Hotel Pazo de Sober para reflexionar sobre as liñas estratéxicas da lexislatura, segundo anunciaron.

Nestas liñas non están incluídas as viticultoras e os viticultores da Ribeira Sacra (RS). Estamos en plena vendima, sen medidas que resolvan nada e sen ter ningún tipo de información ao respecto da suposta “folla de ruta” para a Ribeira Sacra.

Fronte a esta inoperancia e rumbo errático da Consellaría do Medio Rural e, por extensión, do Goberno galego, MAÑÁ, domingo 29 de setembro, ás 12:00h., o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) convoca unha concentración diante do citado hotel, para lembrarlle ao Presidente de Galiza que seguiremos loitando para que sigan existindo persoas viticultoras na Ribeira Sacra.