
20/09/2012
As organizacións agrarias levan a campaña de mobilizacións do sector lácteo ás grandes superficies comerciais
As tres organizacións agrarias galegas continuamos, na xornada do 20 de setembro, coa campaña de mobilizacións para sensibilizar á cidadanía coa peor crise na historia do sector lácteo galego. Se nas últimas semanas se fixeron manifestacións en Chantada, Vimianzo, Vilalba, Santa Comba e Lalín, para denunciar os prezos en orixe máis baixos da Unión Europea; desta vez a denuncia levouse até as grandes superficies comerciais para denunciar a venda de leite por baixo dos custes de produción.
En concreto, fixéronse piquetes informativos en establecementos da cadea Gadis e Eroski de Lugo e Carballo. Na primeira delas, ofertábase leite da marca “Campo nuestro” a un prezo de 48 céntimos, mentres que na segundo vendíase “Bomilk” a 49 céntimos o litro. A secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego, Isabel Vilalba, acudiu ás protestas de Lugo, onde se fixo un percorrido por diversos locais destas cadeas de distribución dende a avenida da Coruña até a praza de Santo Domingo.
Ao longo deste roteiro, repartíronse centos de panfletos nos que se lle informou á xente de a pé, e á clientela destes centros comerciais, sobre estas prácticas que están a destruír ao sector lácteo a ao noso medio rural.