04/07/2014
As organizacións agrarias galegas pedimos a convocatoria urxente da mesa do leite para evitar unha crise no sector
As tres organizacións agrarias galegas -Sindicato Labrego, UUAA e XXAA- pedimos, o 4 de xullo, a convocatoria urxente da mesa do leite diante dunha preocupante situación no sector na que os prezos volven baixar sen que haxa unha razón de mercado que xustifique esa caída, e diante do incumprimento dos compromisos adoptados para co sector, a finais de 2012, por parte da Consellaría de Medio Rural e do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo.
Nos 18 meses que pasaron dende os acordos no sector lácteo, houbo unha boa conxuntura que a Xunta non soubo aproveitar para cumprir con compromisos tales como o desenvolvemento de ferramentas que garantan uns prezos dignos para o leite que cubran os custes da actividade e as rendas das explotacións. Un ano e medio despois deses acordos, en Galiza o prezo medio do leite é 3 céntimos inferior ao do resto do Estado e 5 céntimos con respecto a países comunitarios como Alemaña ou Francia. Con datos de maio de 2014, na Galiza o leite cotizaba a un prezo medio de 35,5 céntimos, cando en xaneiro deste mesmo ano facíao a 39,24. O único que fixo a Consellaría de Medio Rural ao respecto foi presentar, recentemente, Xacobea, un instrumento de referenciación dos prezos que naceu orfo ao non ter normativas nin leis que fagan cumprir os índices de valor para o leite que xurdan del.
Outro dos problemas sen resolver no sector é o dos contratos que, lonxe de ser acordos negociados entre dúas partes en pé de igualdade, son imposicións unilaterais da industria. Nin a Xunta nin o Ministerio de Agricultura fixeron nada para que se cumpra a lei tampouco neste particular.
Os compromisos da Xunta co sector lácteo incluían a creación de mecanismos para dotar de base territorial suficiente ás explotacións de cara a que poidan cultivar as súas propias forraxes e pastos de cara a diminuír a súa dependencia da compra de insumos e abaratar os custes da alimentación das reses. Esta mesma semana presentábase a Lei de Mellora da Estrutura Agraria de Galicia (Metaga) que, por desgracia, non vai ser a solución que agardaba o sector, pois só achega cambios de pouco alcance relativos ás concentracións parcelarias ou a superficies abandonadas que non suporán un incremento significativo de superficie agraria. Pola contra, outros textos lexislativos que está a elaborar o Goberno galego como o borrador da Lei do Solo ou o Plan Sectorial de Actividades Extractivas, supoñen unha desprotección da terra agraria e van no sentido contrario ao compromiso de dotar de máis base territorial ás explotacións. A dia de hoxe, o compromiso da Xunta para que Galiza deixe de ser un dos países europeos con menor porcentaxe de superficie dedicada a fins agrícolas (24% fronte ao 50% de países como Francia) é papel mollado.
Ademais da caída dos prezos, o sector lácteo está a incrementar notablemente a súa produción diante da fin do sistema de cotas, sen que as administracións públicas estean a facer nada por impedilo. Galiza bateu o seu récord produtivo en maio, con 230.000 toneladas de leite, o que supón un incremento en torno ao 10% con respecto a maio do ano pasado. A un evidente perigo de superprodución que asolague o mercado dun produto que non dea absorbido a demanda existente, únese a posibilidade de que o Estado español supere a súa cota láctea e volva ser multado cunha supertaxa xusto no último ano do sistema de cotas.
Outro dos perigos sobre o que advertiu a secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego, Isabel Vilalba Seivane, foi o do relevo xeracional. A secretaria xeral do SLG advertiu que o 40% dos e das profesionais da agricultura e da gandería na Galiza vanse xubilar nos vindeiros 5 anos. “Se a este preocupante envellecemento que tamén padece o sector lácteo se une agora unha crise de prezos, moitas das explotacións que aínda seguen activas e con futuro poderían arruinarse, provocando danos irreversibles no principal sector agrogandeiro galego e no noso agro”.
Diante desta situación, as tres organizacións agrarias esiximos a convocatoria urxente da mesa do leite e, en caso de que a Xunta siga pasiva e non a convoque, tomaremos nós a iniciativa, amén de estudar outras medidas de forza adicionais para evitar que o sector lácteo galego sea afunda nunha nova crise.