Isabel Vilalba

21/09/2012

As organizacións agrarias continurán con mobilizacións e accións para acadar un prezo digno para o leite galego

A pesares dos compromisos da Xunta de Galicia, o sector leiteiro galego segue sumido na súa peor crise, aturando prezos medios en orixe entre 27 e 28 céntimos, e os custes de produción que non deixan de medrar -incluídos novos impostos cargados pola administración autonómica como o canon da auga- e que roldan os 40 céntimos por litro de leite.

Aínda que as responsables directas desta situación son as industrias e as distribuidoras, estas seguen sen mover un dedo para reverter a crise e pagarlles ás explotacións un prezo digno que cubra eses custes de produción. Esta mesma semana, fixéronse accións reivindicativas en grandes superficies comerciais (Eroski e Gadis) para denunciar a utilización do leite como produto reclamo, vendido a perdas con prezos insultantes inferiores a 50 céntimos.

Con esta crise por diante, e coa entrada inminente do paquete lácteo e dos contratos, resulta sorprendente que non haxa ningún tipo de acción por parte da Xunta nin da Consellaría de Medio Rural. Diante desta falla de resposta institucional e dos axentes do sector, as tres organizacións agrarias decidimos solicitar a convocatoria da Mesa do Leite, así como organizar novas protestas de denuncia fronte á industria e a distribución, rematando cunha grande manifestación nacional e unitaria o vindeiro 4 de outubro. A maiores, tamén se manterán contactos cos e coas representantes dos diversos partidos políticos que se presentan ás eleccións para que sexan partícipes desta problemática. 

Rolda de prensa