30/07/2024
As novas Ordes para dependencia e discapacidade empeoran as condicións para as persoas usuarias
Os textos presentados recollen o mesmo que a anterior norma pero con outras palabras e ademais empeoran o tempo de agarda. A Xunta inda non proporcionou os datos solicitados polo SLG na anterior sesión do CGBS, celebrada en novembro do ano pasado
No día de onte procedeuse a tratar no pleno do Consello Galego de Benestar Social da Xunta de Galicia a aprobación da acta da sesión anterior -que data de fai máis de medio ano- o Proxecto de Orde polo que se modifica a Orde do 18 de abril de 1996, pola que se desenvolve o Decreto 243/1995, do 28 de xullo Proxecto de Orde pola que se desenvolve o Decreto 142/2023, do 21 de setembro, polo que se regula o procedemento para o recoñecemento da situación de dependencia e do dereito ás prestacións do Sistema para a Autonomía e a Atención á Dependencia, o procedemento para a elaboración do programa individual de atención e a organización e funcionamento dos órganos técnicos competentes.
A través da súa vogal no CGBS, Margarida Prieto Ledo, o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) votou en contra dos dous proxectos de orde, ao tempo que sinalou o incumprimento de compromisos recollidos na acta da sesión do pasado mes de novembro.
Como xa temos denunciado, atopámonos unha vez máis co anuncio de supostas melloras na xestión dos servizos de dependencia e discapacidade que, ao ler polo miúdo, resultan non aportar ningunha condición distinta, limitándose a trasladar as modificacións da normativa estatal e a expresar con outras palabras o xa recollido nas Ordes vixentes, ou mesmo a empeorar as condicións, como vimos de detectar no caso das revisións de grao, nas que ca nova Orde presentada a administración pasa a poder demorarse até 6 meses (antes eran 3).
“Dá igual que se redacte dun xeito ou de outro, estas Ordes poñen o mesmo que había antes -criticou Margarida Prieto-. Tal é o caso da premisa de ter en conta as preferencias das persoas usuarias, que estaba así regulado xa no decreto do 2010, que de igual xeito é recollido agora, ao tempo que se indica que estas preferencias non serán vinculantes para o órgano de valoración. No que respecta aos casos de emerxencia social, estes xa tiñan preferencia, o que se recolle nesta orde non é novo. Igualmente pasa no caso dos menores de tres anos. Tampouco é certo que se vaia axilizar unha cuestión tan determinante como é a dos prazos, antes eran de 3+3 meses e agora son de 6. Pero é que ademais resulta que nos casos de revisión de grado estase aumentando o tempo de espera, que pasaría a seis meses”.
É dicir, primeiro unifícase o expediente, logo desdóbrase se hai que revisar grao ou PIA e cas novas ordes sometidas onte a votación, ás caladas, métese unha ampliación de 3 a 6 meses de prazo para a revisión de grao.
Tampouco é certo, como se pretendeu dar a entender ao expor a nova norma por parte da Administración, que haxa unha redución da documentación a presentar, senón simplemente que determinados documentos con información que a Administración pode cruzar entre si, pasou de documentación obrigatoria a documentación complementaria. Ademais, afondando nesta estratexia de aparentar que se están a cambiar cousas nas condicións do servizo de dependencia e discapacidade seguen igual de precarias ou peor, foi modificado os s dos anexos do formulario a presentar, o que inda por riba pode dificultar a laboura da traballadoras sociais.
No que si vemos que hai un claro “avance” é na privatización destes servizos. En lugar de investir en medios públicos humanos e materiais, a Xunta de Galicia prefire financiar prestacións privadas vinculadas ao servizo, eludindo as medidas que verdadeiramente suporían un cambio, nomeadamente ampliar a dotación de prazas públicas e acometer dunha vez por todas a subida de financiamento do Servizo de Axuda no Fogar (SAF).
Con respecto a este último, cómpre reiterar a denuncia das precariedade na que se atopan as traballadoras do SAF, na súa inmensa maioría mulleres, que está afectando non só á calidade do seu traballo senón á súa propia saúde. O inminente colapso do Servizo de Axuda no Fogar foi xa denunciado pola propia FEGAMP e o Colexio de Traballo Social de Galicia a principios deste mesmo ano. A que está agardando a xunta de Galicia? A situación é xa dramática, disimular a súa gravidade só pode empuxarnos a un escenario peor.
A esta manipulación interesada dos textos lexislativos co obxectivo de dar a entender á cidadanía que se está a traballar nun eido tan sensíbel como é a atención á dependencia e discapacidade -que todas as persoas que cheguemos a facernos vellas imos ter que precisar nalgún momento- cando en realidade no único que se avanza é na súa privatización apóiase tamén dunha significativa opacidade no tocante aos datos, como así tamén puxo de relevo a vogal do SLG no CGBS: “No mes de novembro, antes do anterior pleno, solicitamos unha serie de datos que a Administración se comprometeu a proporcionarnos por escrito. Pasaron 8 meses e inda non deron preparado estes datos oficiais. Agora ben, cando se convocan estes plenos nós apenas temos uns días para preparalos. Unha vez máis valoramos que vénsenos a marear ao pleno do Consello Galego de Benestar Social, que o que se está a dicir non é o que se está a regular con estas supostas novas Ordes. Que o que se pretende presentar como unha mellora non aporta diferencias con respecto ás actuacións xa recollidas en textos anteriores, e se segue sen haber vontade política para incrementar os recursos neste ámbito, os novos textos só servirán para deixar constancia dos compromisos que non se estaban cumprindo co texto anterior.”