Novas

  • “As mulleres do medio rural en acción” xornada da Asociación Labregas e CERES hoxe en Carballedo

    “As mulleres do medio rural en acción” xornada da Asociación Labregas e CERES hoxe en Carballedo

    • 25,Xuñ 2025
    • Posted By : Sindicato Labrego
    • 0 Comments
    • ceres
    • emprendemento
    • emprendemento feminino
    • feminismo
    • futuro
    • galicia
    • galiza
    • muller rural
    • mulleres
    • rural galego

    Emprendemento das mulleres labregas, a titularidade compartida ou claves para unha PAC feminista foron algúns dos temas abordados.

    Ao longo do día de hoxe a Asociación Labregas e a Confederación de Mujeres del Mundo Rural CERES están a levar adiante na Oficina de Turismo de Castro (Carballedo, Lugo) a xornada “Mulleres rurais: coñecemento, emprendemento e futuro”, que contou coas ponencias da responsábel da Secretaría das Mulleres, a gandeira María Ferreiro, e a economista especializada en políticas agrarias no SLG Ana Rodríguez, tamén gandeira.

    A formación, que se enmarca na xeira de espazos de apoderamento feminino “As mulleres do medio rural en acción” que se vén desenvolvendo dende maio, deu inicio cunha intervención arredor das experiencias de emprendemento no rural galego lideradas por mulleres, a cargo da integrante do Grupo de Investigación LaboraTe da USC Guillermina Fernández Villar.

    A continuación, Ana Randolfe, técnica de dinamización territorial do proxecto Comunidades de Emprego e Emprendemento Rural Sostible da Fundación Acción contra a Fame, realizou a intervención “As mulleres no relevo xeracional e novas incorporacións no agro”.

    Logo dun espazo de debate arredor das dificultades e oportunidades detectadas de xeito concreto para as mulleres do sur de Lugo, a responsábel da Secretaría das Mulleres do SLG, María Ferreiro, abordou aspectos vinculados ao papel das mulleres no desenvolvemento rural, ao tempo que achegou a actualidade da titularidade compartida en Galiza.

    Dando un salto analítico cara o contexto europeo, a responsábel da Área da PAC e desenvolvemento rural no SLG Ana Rodríguez expuxo as claves básicas que debemos observar na Política Agraria Común para contemplala criticamente dende unha perspectiva feminista.

    Tra-lo xantar, esta tarde as participantes visitarán unha tenda ambulante que fornece de produtos á poboación de Carballedo.

    Esta temática terá continuidade en dúas vindeiras xornadas abertas máis, que se celebrarán en Cospeito o 24 de xuño e en Vilalba o 27 de xuño.